A promoción 2009-2015 de Medicina celebrou a súa graduación nun acto académico
O reitor Juan Viaño pechou a quenda de intervencións do acto de graduación da promoción 2009-2015 de Medicina animando aos futuros titulados e tituladas a tecer “unha rede calidade á que vos debedes pertencer dende un primeiro momento”. Aludía así ao reitor á oportunidade que tiveron os futuros profesionais da Medicina durante a súa etapa universitaria de “coñecer de primeira man a reputados docentes e investigadores que xa foron referencia no mundo e que fan descubrimentos que nos melloran a vida dun xeito patente”. Viaño animounos a aproveitar “a experiencia, gardade o recordo, pero non dubidedes en chamalos sempre que o precisedes”. A partir da idea de que “o mundo non cambia estando quietos”, o reitor animou aos futuros titulados e tituladas a alcanzar novas metas ao tempo que sinalou a pretensión da USC de traballar na definición dunha infraestrutura a partir dun modelo realista dende o punto de vista económico que cumpra unha función clara en canto á formación e construír “un ecosistema que nos permita seguir falando de bos profesionais nos vindeiros anos”. No acto celebrado este mércores ante os integrantes da promoción e as súas familias, Viaño reafirmou a súa crenza no modelo formativo utilizada na Facultade de Medicina, “temos que garantir os coñecementos teóricos, pero tamén a formación práctica e por suposto a investigación”. “Queremos ensinar o que está nos libros” engadiu, “pero tamén debemos facer un esforzo importante por darlle pulo a todos aqueles que queren descubrir e crear o coñecemento que mañá se estudará neses mesmos libros”. Xunto ao reitor tamén participaron o decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía, Juan Gestal; o xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, Luis Verde Remeseiro; o presidente do Consello de Colexios Médicos de Galicia, Luciano Vidán Martínez; e o presidente da Real Academia de Medicina de Galicia, José Carro Otero, entre outras personalidades. Na xornada celebrada no Palacio de Congresos, logo da intervención do padriño da promoción, o doutor Juan Domínguez Muñoz, e da proxección de dous vídeos conmemorativos da distintos momentos da etapa universitaria desta promoción, tomaron a palabra Yago Vilela González en representación do alumnado, ao que seguiu a entrega de diplomas conmemorativos. A quenda de palabra do decano da Facultade de Medicina, precedeu á lectura da Declaración de Xenebra por parte de Susana Martínez García e Daniel Falkenhain López. Foto: Servimav-USC