Exposición de fondos bibliográficos e lectura continuada de ‘El Quijote’ na Facultade de Formación do Profesorado
A Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo da USC celebrará mañá, de 12.00 a 14.00 horas, unha sesión pública de lectura de fragmentos de ‘El Quijote’ no salón de graos do centro universitario, onde se exhibirán os distintos exemplares da obra cumio de Cervantes dispoñibles na biblioteca desta facultade luguesa, un amplo catálogo no que se atopan edicións antigas desta obra cervantina, xunto con outras máis novas e incluso edicións dixitais e didácticas.
Esta actividade, impulsada polo biblioteca da Facultade de Formación do Profesorado, en colaboración co equipo decanal e o claustro docente do centro co gallo da celebración do Día do Libro, unha efeméride que coincide coa data da morte, entre outros, de Miguel de Cervantes Saavedra ou de William Schakespeare, está aberta á participación do público. A directora da biblioteca da Facultade de Formación do Profesorado da USC, Carmen Varela Prado, será a encargada de inaugurar a mostra de exemplares de ‘El Quijote’ e, de seguido, o decano da Facultade de Formación do Profesorado da USC, Francisco Rodríguez Lestegás, comezará a quenda de lecturas compartidas de fragmentos de ‘El Quijote’, unha sesión na que tamén participarán estudantes e docentes do centro universitario lugués. A exposición de exemplares da obra cumio de Miguel de Cervantes Saavedra permanecerá aberta ao público durante toda a xornada no salón de graos da Facultade de Formación do Profesorado, onde tamén se procederá á proxección ininterrompida de ilustracións cervantinas do pintor e caricaturista Gustave Doré.