Skip to main content

Día do Libro en Formación do Profesorado cunha mostra de exemplares e a lectura continuada de textos de ‘El Quijote’

Participantes na lectura continuada de textos de 'El Quijote' en Formación do Profesorado
Participantes na lectura continuada de textos de 'El Quijote' en Formación do Profesorado

A Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo da USC súmase aos actos conmemorativos do Día do Libro coa celebración dunha sesión pública de lectura de fragmentos de ‘El Quijote’ no salón de graos do centro universitario, onde se exhiben ao longo de toda a xornada os distintos exemplares da obra cumio de Cervantes dispoñibles na biblioteca desta facultade luguesa, un amplo catálogo no que se atopan edicións antigas desta obra cervantina, xunto con outras pezas de coleccións privadas e incluso unha edición interactiva procedente da Biblioteca.

A directora da biblioteca da Facultade de Formación do Profesorado da USC, Carmen Varela Prado, inaugurou a mostra de exemplares de ‘El Quijote’ e, de seguido, o decano da Facultade de Formación do Profesorado da USC, Francisco Rodríguez Lestegás, comezou a quenda de lecturas compartidas de fragmentos de ‘El Quijote’, unha sesión na que participaron un total de 21 persoas, entre estudantes e docentes do centro universitario lugués, así como unha representación de alumnado de primaria e mesmo a directora do Ceip Anexa de Lugo.

A exposición de exemplares da obra cumio de Miguel de Cervantes Saavedra, entre os que se pode atopar unha obra de 1844, permanecerá aberta ao público durante toda a xornada no salón de graos da Facultade de Formación do Profesorado, onde tamén se procederá á proxección ininterrompida de ilustracións cervantinas do pintor e caricaturista Gustave Doré.

The contents of this page were updated on 04.23.2015.