Skip to main content

Xornadas formativas e de divulgación sobre voluntariado e proxectos educativos en Formación do Profesorado

A primeira sesión desenvólvese este martes, a partir das 16.00 horas, no salón de actos do centro universitario lugués, mentres que a segunda será o 14 de abril

O Servizo de Participación e Integración Universitaria dependente da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC e a Facultade de Formación de Profesorado organizan dúas xornadas formativas e de divulgación sobre voluntariado e proxectos educativos que se desenvolverán os días 7 e 14 de abril de 2015. No marco de cada unha das xornadas previstas, representantes de cinco entidades e asociacións (Fundación Juan Soñador, Secretariado Xitano Lugo, Asociación, Promoción e Integración Xitana de Lugo, Cáritas Lugo e Madreselva ONGD) que veñen cumprindo un relevante cometido social na capital luguesa desde hai anos exporán o traballo desenvolvido neste tempo. Os relatores convidados farán especial fincapé naquelas actuacións que, polas súas características e os seus ámbitos de acción, ligan mellor cos intereses e capacidades de colaboración co alumnado da Facultade de Formación do Profesorado. Primeira xornada A primeira das dúas xornadas previstas desenvolverase na tarde deste martes 7 de abril, a partir das 16.00 horas, no salón de actos da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, e estará estruturada en dúas sesións, en función da especialidade cursada polo alumnado. Os futuros mestres de Educación Infantil participarán na primeira quenda, de 16.00 a 17.30 horas, nunha sesión sobre proxectos educativos en Lugo, mentres que a segunda sesión, programada de 17.30 a 19.00 horas, está orientada a estudantes de Educación Primaria. Nestas sesións, o estudantado poderá coñecer da man dos propios protagonistas dos proxectos educativos cómo mellorar as competencias para ser educador a través das experiencias presentadas polo persoal voluntario e técnico da Fundación Juan Soñador, Madreselva, Cáritas, FSG e APIG. A segunda xornada, programada para o martes 14 de abril na Facultade de Formación do Profesorado, presenta unha estrutura similar. Nesta sesión, dedicada a actividades de voluntariado participarán outra xeira de entidades especializadas na atención á diversidade en Lugo, tales como Asociación Down Lugo, Raiolas Autismo Lugo, Capaces-Lugo e a Asociación Bule Bule. As xornadas están dirixidas ao alumnado universitario, que poderá solicitar o recoñecemento de ata seis créditos ECTS pola súa participación en proxectos de voluntariado, así como ao resto da comunidade universitaria e tamén ao público en xeral. Así, as persoas interesadas neste tipo de actividades poden solicitar información detallada no Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC, a través do enderezo de correo electrónico sepiu.lugo [at] usc.es (sepiu[dot]lugo[at]usc[dot]es)

The contents of this page were updated on 04.07.2015.