Skip to main content

Un foro de nutricionistas advirte na Facultade de Ciencias das elevadas taxas de obesidade infantil rexistradas en Galicia

Asistentes ás xornadas de nutrición clínica e dietética aplicada en Ciencias
Asistentes ás xornadas de nutrición clínica e dietética aplicada en Ciencias
As IV Xornadas de Nutrición Clínica e Dietética Aplicada organizadas pola AGDN en colaboración coa USC citan máis dun centenar de participantes no campus lugués

A Asociación Galega de Dietistas e Nutricionistas (AGDN) alerta das elevadas taxas de obesidade infantil que se están a rexistrar en Galicia e urxe ás administracións a delegar en profesionais titulados a elaboración e supervisión de profesionais titulados, segundo maniestou o presidente da AGDN, José Antonio López Gómez, no marco das xornadas sobre nutrición clínica e dietética aplicada que se desenvolven desde este venres na Facultade de Ciencias do campus de Lugo da USC.

López Gómez fixo fincapé na falta de regulación legal que afecta ao colectivo profesional de nutricionistas e dietistas, unha situación que, na súa opinión favorece ou, cando menos, non activa mecanismos eficaces para actuar contra o intrusismo profesional. Esta situación, na opinión do presidente da AGDN, ten se cabe maior importancia na comunidade galega, xa que presenta unhas estatísticas de obesidade infantil sensiblemente altas. A importancia da alimentación e da nutrición en idades temperás, así como a importancia da educación nutricional e as características técnicas dos menús para comedores escolares centraron o tema de debate da sesión de apertura das IV Xornadas Nutrición Clínica e Dietética Aplicada de Galicia, un foro que reúne máis dun centenar de profesionais titulados e estudantes do grao en Nutrición Humana e Dietética na Facultade de Ciencias do campus de Lugo da USC, o escenario no que López Gómez adiantou a inminente transformación da Asociación Galega de Dietistas e Nutricionistas nun colexio profesional. A inauguración institucional deste foro monográfico estivo presidida polo vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, quen logo de sinalar a alimentación como un dos ámbitos sobre os que xira o proceso de especialización do campus de Lugo denominado Campus Terra, tamén se referiu á repercusión económica e social derivada da optimización e desenvolvemento de novos procesos produtivos, así como da xeneralización de hábitos e pautas alimentarias axeitadas para gozar de boa saúde. O decano da Facultade de Ciencias da USC, José Manuel Martínez Ageitos, que remarcou a colaboración recibida da AGDN no proceso de transferencia de coñecemento á sociedade a través de xornadas como as que se están a celebrar; a deputada delegada da área de Medio Ambiente e Enerxías Renovables da Deputación de Lugo, Sonsoles López Izquierdo, e a concelleira de Benestar Social e Igualdade do Concello de Lugo, Ana González Abelleira, tamén participaron na apertura oficial dunhas xornadas que se celebran por cuarto ano consecutivo na capital luguesa. Programa das xornadas O programa das xornadas organizadas pola Asociación Galega de Dietistas e Nutricionistas é moi amplo e pretende abranguer cuestións de máxima actualidade e de interese social, segundo indicou López Gómez, quen destacou a concreción dos temas de de análise propostos neste foro. Así, a alimentación para celíacos ou a alimentación vexetariana, os novos produtos lácteos ou cuestións máis específicas como poden ser os microbiomas e a obesidade son algunhas das cuestións sobre as que disertarán os relatores convidados a participar na na xornada de apertura deste foro. As IV Xornadas Nutrición Clínica e Dietética Aplicada concluirán este sábado con dous relatorios sobre envellecemento e coaching nutricional, así como cunha táboa redonda sobre nutrición deportiva, na que Álex Vidal e José Miguel Martínez abordarán as adaptacións nutricionais para deportes de forza e as evidencias nas achegas ergonutricionais aplicadas no contexto deportivo. Ageitos, González, Bueno, López Izquierdo e López Gómez, na apertura do foro

The contents of this page were updated on 03.13.2015.