Skip to main content

O IV Ciclo pecha o curso coa entrega de diplomas e insignias a 39 titulados sénior na Facultade de Formación do Profesorado

Estudantes do IV Ciclo da USC que remataron a súa formación este curso
Estudantes do IV Ciclo da USC que remataron a súa formación este curso
O vicerreitor Roberto Javier López López presidiu en Lugo o acto académico do IV Ciclo, o programa de formación de maiores que rexistrou este ano 289 alumnos na USC

O IV Ciclo Universitario, un programa que promove a incorporación de persoas maiores de 50 anos aos estudos universitarios e que no presente curso rexistrou 289 persoas matriculadas na USC, das que 150 seguiron as distintas sesións formativas ofertadas en Santiago e 139 fixérono no campus de Lugo, celebrou este venres o acto académico de fin de curso 2014-2015 na Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo.

O vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa da USC, Roberto Javier López López, foi o encargado de presidir esta sesión no salón de actos do centro universitario lugués, onde ademais dos 39 graduados e graduados superiores que recibiron diplomas e insignias, respectivamente, tamén se deron cita outros estudantes de IV Ciclo, así como unha nutrida representación de docentes que participan neste programa de formación sénior. A entrega de diplomas ás 39 persoas que obtiveron o grao sénior tras completar tres anos de formación, e a imposición de insignias aos 13 estudantes do IV Ciclo no campus de Lugo que acadaron o graduado superior sénior logo de cinco anos de estudos, constituíron o eixo central dun xornada de lecer e convivencia que tamén serviu para que o estudantado do IV Ciclo da USC rendera a súa particular homenaxe ao profesor da USC Manuel Andrade Baliño, quen foi escollido para apradiñar esta nova promoción de egresados. As palabras de agradecemento e a reivindicación do IV Ciclo como un programa acaído para achegar a realidade universitaria e a aprendizaxe de novos coñecementos a todas as persoas, a expensas da súa idade, foron dous dos argumentos esgrimidos por María Luisa Freira Soaz, quen participou nesta sesión en calidade de representante do alumnado desta xa décimo cuarta promoción de graduados superiores sénior. A directora do IV Ciclo da USC, María Esther Olveira Olveira, e o Xefe Territorial da Consellaría de Traballo e Benestar, Alberto Fernández Linares,e o coordinador do IV Ciclo da USC no campus de Lugo, o profesor Emilio Carral Vilariño, tamén participaron como relatores nesta emotiva sesión académica. Como colofón desta xornada de festa do IV Ciclo da USC, todos os participantes puideron compartir un almorzo de confraternidade nun restaurante da capital luguesa. Intervención da voceira do alumnado, Mª Luisa Freira, en presencia de Olveira, Linares, López, Andrade e Carral, onte en Formación do Profesorado

The contents of this page were updated on 05.22.2015.