Skip to main content

Acto académico de fin de curso do IV Ciclo Universitario na Facultade de Formación do Profesorado

O IV Ciclo Universitario, un programa formativo que promove a incorporación de persoas maiores de 50 anos aos estudos universitarios, celebrará este venres 22 de maio, a partir das 12.00 horas, o acto académico de fin de curso 2014-2015 na Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo.

O vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa da USC, Roberto Javier López López, presidirá a sesión, que se desenvolverá no salón de actos do centro universitario lugués. Durante o acto, procederase á entrega de diplomas aos graduados sénior, aquelas persoas que xa completaron tres anos de formación no IV Ciclo. Asemade, o padriño desta promoción, a número 18 do IV Ciclo Universitario da USC, o profesor Manuel Andrade Baliño, procederá tamén á imposición de insignias ás persoas que acadaron o grao superior sénior, logo de superar cinco cursos formativos. A directora do IV Ciclo, María Esther Olveira Olveira; María Luisa Freire Soaz, en calidade de representante da décimo cuarta promoción de graduados superiores sénior, e o Xefe Territorial da Consellaría de Traballo e Benestar, Alberto Fernández Linares, serán outras das persoas que intervirán como relatores neste acto académico.

The contents of this page were updated on 05.21.2015.