Skip to main content

Preséntase este xoves a terceira edición da Olimpíada Filosófica Galega

Preséntase este xoves a terceira edición da Olimpíada Filosófica Galega
Preséntase este xoves a terceira edición da Olimpíada Filosófica Galega

O salón de actos da Facultade de Filosofía acolle este xoves 29 ás 17.00 horas a presentación da III edición da Olimpíada Filosófica Galega para alumnado de ensino medio. Organizada pola asociación Nexos de Didáctica da Filosofía integrada por profesorado de ensino secundario e baixo a coordinación de Zeltia Laya, esta iniciativa conta cada ano con maior participación, cunha media por convocatoria de 20 centros galegos.

O obxectivo da Olimpíada Filosófica é achegar a filosofía ao alumnado de secundario, potenciando a reflexión e o pensamento crítico mediante o traballo nas competencias básicas. Os organizadores queren ademais reivindicar a presenza da Filosofía no ensino medio, “nuns tempos nos que se está vendo tan minguada en virtude de leis educativas que se someten a unha estreita razón instrumental sen deixar apenas lugar para o pensamento crítico”, afirman.

A Olimpíada presenta catro modalidades nas que poderá participar o alumnado de Bacharelato e 4º da ESO dos centros de ensino de toda Galicia. Por unha banda, as de disertación filosófica e fotografía filosófica, dedicadas este ano ao tema ‘Que é a beleza?’, outra é a de dilemas morais para traballar nesta ocasión sobre a responsabilidade que temos fronte aos animais, e unha última convocada por primeira vez no ámbito estatal que é unha curta de vídeo baixo o título ‘Perdedores?’.

O acto final da Olimpíada Filosófica será o 3 de marzo de 2016 e nel terá lugar a fase final do proceso, a exposición dos traballos presentados así como un encontro entre ensino secundario e universidade para establecer redes que permitan a interacción entre o profesorado, ao tempo que se dan a coñecer o estudos de filosofía na Universidade. Os seleccionados e seleccionadas nesta competición autonómica representarán a Galicia na Olimpíada Estatal que este ano terá lugar en Oviedo os días 15 e 16 de abril do 2016.

Ata o 30 de novembro está aberto o prazo de inscrición, que deberá realizarse a través do web olimpiadafilosoficagalicia.weebly.com.

The contents of this page were updated on 10.28.2015.