O Colexio de decanos e directores de centros da USC debate en Lugo sobre os criterios de reparto dos orzamentos
Os decanos e directores de centros da Universidade de Santiago de Compostela, que este venres celebraron unha xuntanza de traballo na Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo, puxeron de manifesto a necesidade de actualizar os parámetros empregados na actualidade para acometer o reparto de fondos dos orzamentos entre os distintos centros universitarios, ao entender que os criterios vixentes están obsoletos e non responden ás necesidades reais advertidas.
A coordinadora do Colexio de decanos e directores de centros da USC, a actual decana da Facultade de Filoloxía, María José López Couso, destacou asemade o interese de chegar a un consenso para proceder á actualización dos criterios de reparto do orzamento da USC entre os distintos centros, a fin de que xa poidan ser aplicables nos Orzamentos de 2016, a expensas de do montante da contía orzamento dispoñible
López Couso sinalou neste senso a progresiva redución das partidas económicas que están a percibir os distintos centros universitarios, unha diminución de recursos que, na súa opinión, fai máis difícil o correcto funcionamento dos distintos centros universitarios da institución académica compostelá. A xuntanza de traballo do Colexio de decanos e directores da USC serviu asemade para que todos os asistentes debateran, analizaran e puxeran en común todas aquelas cuestións que afectan aos seus respectivos centros universitarios, ademais de para coñecer o informe da comisión coordinadora e debater sobre o recoñecemento de créditos nos estudos de grao ao abeiro do artigo 12.8 do Real Decreto 1993/2007. Este texto normativo regula a posibilidade de que os estudantes obteñan recoñecemento académico en créditos pola súa participación en actividades universitarias culturais, deportivas, de representación estudantil, solidarias e de cooperación ata un máximo de 6 créditos do total do plano de estudos cursado.