Skip to main content

A Rede Iberoamericana de Pedagoxía premia o traballo da profesora Silvana Longueira

Silvana Longueira Matos
Silvana Longueira Matos
Recoñece ademais a USC polo seu apoio institucional e as súas achegas no ámbito da Pedagoxía

A profesora e investigadora da Facultade de Ciencias de la Educación da USC Silvana Longueira Matos recibiu este xoves a Mención de Honra ao mérito iberoamericano pedagóxico, investigativo e á produción intelectual que entrega a Rede Iberoamericana de Pedagoxía (REDIPE). O galardón recoñece as súas múltiples achegas no ámbito da música así como na formación, investigación e desenvolvemento da Teoría da Educación “en razón do seu compromiso, entrega, idoneidade e valores cidadás inherentes aos seus quefaceres nas institucións e na vida social”. A entrega tivo lugar no transcurso da clausura do Simposio Internacional de Educación ‘ Pedagoxía e construción de ámbitos de educación. A función de educar’ que se desenvolveu esta semana en Ciencias da Educación e no que tamén a Universidade de Santiago obtivo un recoñecemento da Rede polo seu apoio institucional, a súa traxectoria de investigación e formación e as súas achegas no ámbito da Pedagoxía. REDIPE entregou estas distincións en cumprimento da súa función de estimular os actos pedagóxicos e educativos “en función da formación dos seres sensibles, críticos e proactivos, capaces de intervir construtivamente na súa autorrealización e na construción dun mundo mellor”. Iníciase así un proxecto de colaboración entre os grupos de REDIPE tomando como eixo central a pedagoxía mesoaxiolóxica e a creación de ámbitos de educación e continúase co crecemento da Rede Internacional de Pedagoxía Mesoaxiolóxica (RIPEME) creada o ano pasado en Baixa California coa colaboración de REDIPE e o Grupo de Investigación Terceira Xeración da USC.

The contents of this page were updated on 09.18.2015.