A catedrática da USC Ángeles Romero participa como relatora en México nun foro científico sobre a investigación do café
A catedrática da Área de Tecnoloxía de Alimentos da USC e profesora na Facultade de Ciencias do campus de Lugo, Ángeles Romero, participa en México como relatora nun foro científico sobre a investigación do café organizado polo Centro Nacional de investigación, Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico do Café (Cenacafé), un organismo con sede en Veracruz e creado pola Secretaría de Agricultura, Gandería, Desenvolvemento Rural, Pesca e Alimentación (Sagarpa) e a Universidade Autónoma de Chapingo no marco do programa Procafe e Impulso produtivo ao café.
As actividades de Cenacafé están centradas no desenvolvemento de proxectos e accións de investigación e innovación, un ámbito de actuación no marco do que se desenvolveu o foro ‘ Cafeticultura mexicana. Situación e prospectiva da investigación’. No marco deste encontro científico, que vén de celebrarse en México coa pretensión de constituír un espazo de intercambio de coñecementos e tamén de resultados de investigacións desenvolvidas polos actores e as institucións que nos diferentes ámbitos da cafeticultura mexicana, así como doutros países, Ángeles Romero ofreceu o relatorio ‘Análise sensorial como disciplina científica’.