Ciclo sobre Lluís Companys con motivo do 75 aniversario do seu fusilamento
A Área de Filoloxía Catalá da USC organiza unha homenaxe a Lluís Companys, derradeiro presidente da Generalitat republicana, con motivo do 75 aniversario do seu fusilamento, na noite do 15 de outubro de 1940 despois de ser capturado en Francia pola Gestapo e entregado ao réxime franquista. O acto en lembranza consistirá en dúas sesións de cinefórum, este xoves 3 e o próximo 10 de decembro ás 19.00 h no Salón de Actos da Facultade de Filosofía.
A finalidade é aproximar e profundar dende un punto de vista divulgativo na vida e na traxectoria de Companys, tendo en conta tamén os últimos descubrimentos, para motivar a reflexión sobre a importancia da memoria histórica. É por iso que as dúas sesións serán organizadas en formato de cinefórum cunha presentación de cada filme e relatorio inicial de expertos neste ámbito.
Na primeira sesión, este xoves 3 de decembro, o protagonista será o filme 14 d’abril: Macià contra Companys (2011), dirixido por Manuel Huerga. Trátase dun falso documental ambientado un ano despois da proclamación da República catalá, cando Francesc Macià é o presidente da Generalitat de Catalunya e Lluís Companys o responsable da minoría catalá nas Cortes españolas. Para presentar e conducir o coloquio final intervirá Toni Soler, autor da novela orixinal homónima e guionista do filme ademais de ser o director do programa de sátira política de TV3, Polònia.
A segunda sesión, o xoves 10 de decembro, xirará arredor da proxección de 13 dies d’octubre (2015), filme dirixido por Carlos Marques-Marcet. Esta é a última película producida sobre Lluís Companys, estreada o pasado setembro, e céntrase nos seus derradeiros días, cando espera no Castelo de Montjuïc o xuízo que o condenará a morte e afronta este final coas súas circunstancias, os seus medos e as súas contradicións. Nesta ocasión o presentador e condutor do debate final será o catedrático de Historia Contemporánea da USC Lourenzo Fernández Prieto, experto en temas de memoria histórica e director de Proxecto Interuniversitario Nomes e Voces.