Skip to main content

Un congreso internacional abordará en maio na USC o papel das mulleres da realeza na Idade Media na Península Ibérica

Cartel do congreso que se celebrará en maio
Cartel do congreso que se celebrará en maio
O encontro terá lugar entre os días 21 e 23 de maio na Facultade de Filosofía. O prazo para inscribirse remata o 9 de maio

A influencia das mulleres no devir histórico durante a Idade Media na península é o tema que se abordará no congreso internacional ‘Raíñas e Infantas nos Reinos Medievais Ibéricos’, que reunirá entre o 21 e o 23 de maio na Facultade de Filosofía en Santiago a expertos e expertas internacionais que analizarán o papel de raíñas, infantas e outras mulleres das cortes dos reinos medievais na Península Ibérica durante os séculos V ao XV. Un comité científico composto por especialistas de cinco países (España, Portugal, Francia, Chile e Estados Unidos de América) foi o encargado de avaliar 84 propostas de comunicación recibidas que achegaron expertos de 40 universidades e centros de investigación de outros nove países diferentes (España, Portugal, Brasil, Francia, Alemaña, Croacia, México, Arxentina e Estados Unidos de América). O Congreso abordará, tratando de ofrecer unha perspectiva diferente, a biografía das mulleres de diversas dinastías con perfís biográficos moi heteroxéneos que participaron no devir histórico dos distintos reinos que se asentaron na Península Ibérica ente os séculos V ao XV. A cita analizará tamén a influencia que outras mulleres que non pertencían a realeza tiveron nesa época, como as amantes, nodrizas, damas, servidoras e o papel das mulleres da realeza como nais, fillas, e esposas. Isabel de Castela, a Raíña María de Portugal, Elvira Mendes, Mafalda Sanches, Isabel de Aragón, Xoana e Inés de Castro, Leonor de Albuquerque, Violante de Bar, María de Luna, María de Castela e Sancha de Navarra, son algunhas das mulleres que protagonizarán o encontro. O prazo de inscrición remata o día 9 de maio.

The contents of this page were updated on 04.29.2014.