Skip to main content

O profesor José Pereira tomou posesión como decano da Facultade de Ciencias da Comunicación

O profesor José Pereira tomou posesión como decano da Facultade de Ciencias da Comunicación
O profesor José Pereira tomou posesión como decano da Facultade de Ciencias da Comunicación

O reitor Juan Casares presidiu este venres 21 o acto protocolario de toma de posesión do profesor José Pereira Fariña como decano da Facultade de Ciencias da Comunicación que inicia deste xeito o seu segundo mandato como decano. Completan o seu equipo directivo os docentes Antía María Lopez Gomez e Marcelo Martínez Hermida como vicedecanos, e Fernando Redondo Neira como secretario do centro. O reto deste novo equipo para os próximos catro anos estará orientado, como expuxo no seu discurso Pereira Fariña, pola responsabilidade de establecer novos procesos tácticos e estratéxicos para lograr que a Facultade de Ciencias da Comunicación cumpra a súa misión, cunha visión máis clara da súa función dentro da sociedade actual. Neste contexto, o decano subliñou o valor engadido adquirido pola Facultade compostelá, á que sitúa como un dos centros de referencia na formación neste campo en todo o Estado, así como o papel da comunicación na sociedade actual. A tarefa que asume o equipo encabezado por José Pereira toma como referencia a aspiración á eficacia, un concepto que considera “non é sinónimo de recorte nin de austeridade” senón que se define “estabilizando e creando modelos novos”. Neste senso, a Facultade contará cun vicedecanato –r esponsabilidade do profesor Marcelo Martínez– que se dedicará en exclusiva á planificación e á ordenación académica, tanto da formación regrada como da non regrada, e fundamentalmente á formación continua, “moi demandada pola profesión e que nos permitirá satisfacer as demandas puntuais do sector da comunicación”. En opinión do decano, esta será a área encargada de modernizar a Facultade e “lograr conectarnos dun xeito directo coas demandas sociais e profesionais” a través dunha estratexia que será unha das máis eficaces á hora da consecución de recursos “facendo o que mellor sabemos: crear valor a través da formación”. Co obxecto de mellorar todos os procesos de calidade, tanto na docencia como na investigación e no rendemento de contas á sociedade, este centro crea un vicedecanato dedicado exclusivamente á calidade, espazo do que se encargará a profesora Antía López. En conxunto, o cadro de obxectivos definido polo novo equipo busca axudar aos estudantes que “ven na Universidade un pasaporte para mellorar a súa vida no futuro, ás empresas que nos reclaman día a día profesionais e innovación e a nós mesmos, que temos que retomar as rendas do noso propio destino”. “Temos que medrar”, engadiu o profesor José Pereira apelando a “non conformarnos coa supervivencia” e facendo un chamamento para “traballar por obxectivos que van moito máis alá do laio e o lamento. Creo, en definitiva, que é imprescindible traballar a prol dunha universidade pública de calidade”. José Pereira José Pereira Fariña (Moraña - Pontevedra, 1976) é profesor titular do Departamento de Ciencias da Comunicación e membro do grupo de investigación Novos Medios da USC. Con anterioridade ao posto de decano, tamén foi vicedecano e durante tres anos coordinador de Comunicación Interna e Imaxe Institucional da USC. Análise de contidos e converxencia dixital de diferentes soportes son algúns dos campos de investigación nos que ten traballado. Entre as súas publicacións, figuran artigos en revistas internacionais e a súa colaboración na redacción de varios libros sobre o ciberxornalismo, coma o Manual de Redacción Ciberperiodística (Ariel, 2004) e Sistemas digitales de información (Pearson, 2006).

The contents of this page were updated on 02.21.2014.