Skip to main content

O reitor Juan Casares inaugura este xoves Radio campUSCulturae on line, a primeira emisora da Universidade de Santiago

O reitor Juan Casares inaugurará este xoves 13 Radio campUSCulturae on line, a primeira emisora da USC, coincidindo coa celebración do Día Mundial da Radio. Será nun acto no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación, a partir das 11.00 horas. A inauguración desta nova canle de radio desenvolverase no marco dun acto ao que están convidados uns 400 escolares procedentes de once centros de ensino que resultaron finalistas do I Certame de Radio Escolar campUSCulturae, e no que tamén estarán presentes o decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, Xosé Pereira Fariña, así como os coordinadores de Radio campUSCulturae en liña, Irene García García, Xosé A. Neira Cruz e Toni España Faqué.

A nova canle de radio, que emitirá a diario unha programación realizada por estudantes, profesores e persoal non docente da USC, así como por centros de ensino non universitario, colectivos de inmigrantes, asociacións e internos dos centros de penitenciaría de A Lama (Pontevedra) e Teixeiro (A Coruña), incorporará en próximas datas contidos doutras canles radiofónicas universitarias. A sesión inaugural de Radio campUSCulturae en liña, a primeira experiencia de radio universitaria estable que se vai desenvolver na Universidade de Santiago, poderá seguirse en streaming de vídeo a través da canle de televisión do proxecto campUSCulturae e a través da USC TV.

The contents of this page were updated on 02.12.2014.