A mostra fotográfica ‘De berros e olladas’ expresa de xeito visual a repulsa contra a violencia de xénero
A vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva, inaugura este luns 17 na Facultade de Medicina e Odontoloxía a exposición ‘De berros e olladas’ unha mostra de distintos estilos fotográficos que trata de expresar de xeito visual a repulsa contra a violencia de xénero. No acto de apertura, previsto para as 19.30 horas tamén está prevista a presenza do decano da Facultade Juan Gestal. Marga Piñeiro Díaz, Enrique González Pérez, Isidro Cea e Andrea Fernández Maneiro son os tres fotógrafos e a escritora que conxugan os seus diferentes puntos de vista para dar forma a unha mesma idea, o ‘non’ rotundo ao abuso psicolóxico e físico. Enrique González traballa o dramatismo expresado en dez imaxes de “doloroso realismo. Sen caer na estridencia do explícito pero sen calar a amargura do sentimento”. Pola súa banda, Marga Piñeiro fala do oculto “do que se esconde tras a alma dos seres implicados”. Neste caso, as imaxes están acompañadas dos haiku de Andrea Fernández Maneiro quen “acompasa cada imaxe coa palabra deixando o arrecendo da idea que quere representar”. Pechando o conxunto, Isidro Cea achega o seu fotopoema, “unha pequena composición na que cada verso titula unha imaxe de temática fantástica, conformando ao remate un poema”.