Skip to main content

A nova edición do ciclo de cine checo do Centro de Linguas Modernas achégase aos premios Oscar

Dous filmes premiados e outros dous nominados compoñen o cartel do Ciclo de cine checo de Oscar que organizará o Centro de Linguas Modernas da USC do 10 ao 14 de marzo. Trátase das cintas premiadas como mellor película de fala non inglesa 'Trens rigorosamente vixiados' e 'Kolia', e dous que foron nominado, 'Amores dunha loura' e 'A miña doce viliña'. Ademais, no caso particular de 'Trens rigorosamente vixiados' de Jiří Menzel e 'Amores dunha loura' de Miloš Forman trátase de dous dos máximos expoñentes da recordada Nova Onda do cine checoslovaco dos 60. As catro obras seleccionadas mostran con bastante fidelidade o ambiente da República Checa en determinados momentos da súa historia. As proxeccións comezarán ás 19.30 horas e todas elas celebraranse no Salón de Actos da Facultade de Filosofía da USC (praza de Mazarelos). No caso da primeira sesión, ademais do visionado, inclúese unha conferencia introdutoria a cargo do catedrático Luis Hueso. Este repaso ao cine checo inclúe ademais unha ollada a outro dos seus puntos fortes, o cine de animación, cunha sesión retrospectiva de curtas de Jiří Bárta. Así, a última sesión ofrece unha perspectiva completamente distinta da cinematografía checa, como é o cine de animación, de gran tradición na antiga Checoslovaquia, caracterizado polo uso de marionetas e a técnica do stop-motion. Jiří Bárta é un dos nomes máis importantes da considerada segunda xeración da animación checa, xunto a Jan Švankmajer.

The contents of this page were updated on 02.26.2014.