Skip to main content

O persoal investigador en formación mostrará os seus traballos no II Encontro da Mocidade Investigadora

O reitor Juan Casares inaugúrao este mércores en Ciencias da Comunicación

O II Encontro da Mocidade Investigadora volverá reunir nos próximos días a persoal investigador en formación para a exposición dos seus traballos e a celebración de obradoiros de debate, conferencias e táboas redondas sobre diversas cuestións de interese. Este formato de traballo dará visibilidade á actividade investigadora que se realiza na USC no marco dos programas de doutoramento ao tempo que serve de punto de encontro para compartir experiencias de boas prácticas no desenvolvemento da actividade investigadora e promove o exercicio da crítica científica. O reitor Juan Casares presidirá este mércores 29 ás 12.30 horas o acto inaugural do encontro nunha sesión no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación. Deseguido, o catedrático José L. Mascareñas pronunciará a conferencia inaugural do Encontro. O programa reanudarase a partir das 16.00 horas coa quenda para a presentación de comunicación orais e tipo póster e concluirá coa celebración dunha mesa redonda que proporá un debate sobre o tema ‘Empregabilidade dos doutores: valoras as empresas o título de doutor?'. Entre os días 29 e 31 de xaneiro no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación, o II Encontro profundará na definición do papel dos/as doutores/as como actores principais da sociedade, na xeración e transferencia de coñecemento, abrindo espazo para a reflexión sobre as bases para a colaboración entre o doutoramento e as industrias, empresas e administracións públicas.

The contents of this page were updated on 01.28.2014.