Skip to main content

O IV Seminario ‘Xornalismo social e cooperación internacional’ celebrarase en Ciencias da Comunicación entre febreiro e maio

Cartel do seminario que se impartirá entre o 25 de febreiro e o 13 de maio en Ciencias da Comunicación
Cartel do seminario que se impartirá entre o 25 de febreiro e o 13 de maio en Ciencias da Comunicación

A cuarta edición do Seminario ‘Xornalismo social e cooperación internacional’ desenvolverase na Facultade de Ciencias da Comunicación entre o 25 de febreiro e o 13 de maio. Ademais, o curso inclúe unha expedición a Marrocos onde tres estudantes traballarán con organizacións locais. Organizado pola Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e a ONG Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP), o obxectivo do Seminario é capacitar profesionais do Xornalismo no coñecemento da comunicación para o desenvolvemento, impulsando así a difusión, promoción, denuncia e educación en materia de cooperación e solidariedade. No marco desta acción formativa, estudarase ademais a posibilidade de realizar unha visita ao centro penitenciario da Lama, en Pontevedra, para coñecer os proxectos que alí desenvolve Agareso. O IV Seminario ‘Xornalismo social e cooperación internacional’ conta co apoio económico da Xunta de Galicia. Programa As bases da cooperación e a comunicación para o desenvolvemento, as boas prácticas informativas respecto dos colectivos en risco de exclusión e os discursos alternativos en torno aos países do Sur son algúns dos temas que aborda o programa do IV Seminario. Da man de organizacións do Terceiro Sector, investigadoras e xornalistas especializados, profundarase asemade no tratamento mediático da inmigración, o xénero, a discapacidade ou a enfermidade mental. Tamén terán cabida o xornalismo con enfoque de Dereitos Humanos e o xornalismo ambiental. Un mínimo de tres asistentes ao Seminario ‘Xornalismo social e cooperación internacional’ completarán a súa formación en Marrocos. Alí traballarán no eido da comunicación sobre os diferentes proxectos promovidos na zona por ACPP e os seus parceiros locais en áreas como a saúde, emigración, xénero, medio ambiente ou educación. As aulas impartiranse os martes de 16.00 a 20.00 horas, cunha duración total de 40 horas, dirixidas tanto a xornalistas como a alumnado de Ciencias da Comunicación. As persoas interesadas poden inscribirse ata o 14 de febreiro en seminario [at] agareso.org (seminario[at]agareso[dot]org). As prazas son limitadas e o custe da matrícula é de 100 euros.

The contents of this page were updated on 02.04.2014.