O embaixador de Xapón en España visitou a USC
O embaixador de Xapón en España Kazuhiko Koshikawa reuniuse co reitor da USC Juan Viaño este xoves 23 na Reitoría compostelá. De carácter protocolario logo da incorporación en 2014 do representante nipón ao seu novo destino, a xuntanza serviu para comprobar o interese recíproco por fortalecer as relacións xa existentes dende hai anos entre a institución académica e Xapón, tanto a través do intercambio de persoal investigador e de estudantes, como por medio de proxectos culturais conxuntos arredor da peregrinaxe polo Camiño de Santiago e do xaponés de Kumano Kodo. Nos últimos anos, a USC desenvolveu diversas actividades na procura de dar contido á relación co país asiático así como para facer visible as particularidades daquela cultura, no contexto do intercambio de universitarios/as. Como mostra, este mesmo ano o Centro de Linguas Modernas desenvolveu un concurso de teatro en xaponés como reforzo ao proceso de aprendizaxe desa lingua, iniciativa que se suma a outras propostas anteriores que puxeron a atención na difusión da música e ás relativas á difusión da lingua e a cultura españolas, actividades formativas na que é habituail a presenza de alumnado orixinario de Xapón. Ademais, nos últimos anos deste decenio incrementouse o número de estudantes e investigadores que realizan estudos na Universidade compostelá, de xeito máis significativo nas facultades de Xeografía e Historia e Ciencias Económicas e Empresariais, aínda que tamén de Filosofía ou Ciencias da Comunicación, entre outros. O embaixador de Xapón asinou no Libro de Honra da USC