O foro internacional ‘Cinema de pequenas nacións, alfabetización fílmica e novas audiencias’ celébrase o xoves e o venres en Ciencias da Comunicación
O Grupo de Estudos Audiovisuais da USC (GEA) organiza o próximo xoves 23 e o venres 24 o ‘ Foro Internacional Cinema de Pequenas Nacións, Alfabetización Fílmica e Novas Audiciencias’ na Facultade de Ciencias da Comunicación. O encontro forma parte do proxecto ‘ eDCINEMA: Cara o Espazo Dixital Europeo. O papel das pequenas cinematografías en versión orixinal’ que financia o Plan Nacional de I+D+i do Ministerio de Economía e Competitividade. As persoas interesadas en inscribirse poden formalizar este trámite ata o próximo mércores 22 enviando un correo a estudosaudiovisuais.usc [at] gmail.com (estudosaudiovisuais[dot]usc[at]gmail[dot]com). O Foro traerá a debate e porá en relación todas das variables que, arredor das pequenas nacións entendidas como espazos comunicativos, poidan contribuír a mellorar a visibilidade das cinematografías con linguas minorizadas e fomentar a construción de novas audiencias capaces de valorar e mellorar os niveis de consumo destas producións. A través das achegas de expertos e expertas de varios países, tanto dende o ámbito académico como o profesional, abórdanse as políticas da diversidade, non só como recoñecemento senón como accións concretas que garantan a expresión e difusión das obras cinematográficas. Entre os convidados a participar neste encontro que coordina a profesora Margarita Ledo, figuran investigadores das universidades de Amsterdam, Stirling, Roehampton e South Wales, así como representantes do British Film Institute, do Film Education, o Eye Film Institute e de Europe Cinemas, entre outros. Asistirán ademais investigadores/as procedentes das universidades de Málaga, Murcia, País Vasco, Salamanca, Vigo e da propia USC. Ademais das sesións de debate, o foro inclúe diversas proxeccións de filmes recollidos no ciclo ‘Cinema alén barreiras: políticas da colectividade’ e tamén das obras galardoadas na última edición dos Premios de Alfabetización Audiovisual do ICAA, entre as que figuran producións realizadas por estudantes de varios centros de ensino de Galicia.