Pasar al contenido principal

Josefina F. Ling tomará parte no foro virtual ‘Chatea cunha Astrónoma’

Josefina F. Ling. FOTO: Imaxe de arquivo
Josefina F. Ling. FOTO: Imaxe de arquivo
Esta iniciativa impulsada pola Sociedade Española de Astronomía pretende dar visibilidade ás astrofísicas e celébrase co gallo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia
Santiago de Compostela

A profesora Josefina F. Ling, membro do Observatorio Astronómico Ramón M.ª Aller da USC, formará parte do equipo de 57 astrónomas españolas ou que traballan en España, que estarán dispoñibles para  conversar virtualmente a través da actividade ‘Chatea cunha Astrónoma’. Esta iniciativa desenvolverase o vindeiro 20 de febreiro e está organizada pola comisión ‘Muller e Astronomía’ da Sociedade Española de Astronomía (SEA) no marco das actividades para conmemorar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia que ten lugar o 11 de febreiro. 

As científicas que toman parte nesta actividade poderán falar a través do chat sobre a súa investigación, a súa experiencia como mulleres na ciencia, a carreira investigadora ou temas de astronomía xeral. O obxectivo principal de ‘Chatea cunha Astrónoma’ é achegar a ciencia actual ao público xeral da man das súas protagonistas femininas, dando así visibilidade á súa presenza e relevancia. 

Durante 12 horas ininterrompidas, de 10.00 a 22.00 horas, astrofísicas profesionais estarán conectadas o vindeiro 20 de febreiro, a través da plataforma dixital  PureChat, para  chatear en liña con calquera persoa que queira saber máis sobre a súa experiencia como mulleres científicas. 

“‘Chatea cunha Astrónoma’ é unha actividade de divulgación única pois está ao alcance de calquera que dispoña de conexión a internet, independentemente do remota que sexa a súa localización, e porque proporciona unha plataforma directa e privada de conversación entre as astrofísicas profesionais e o público xeral”, apuntan dende a SEA. Na pasada edición, as astrofísicas chateadoras atenderon máis de 1000 chats equivalentes a case 300 horas de conversación. 
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.05.2025.