Pasar al contenido principal

Ano Concepción Arenal (1820-2020)

O 31 de xaneiro de 2020 conmemóranse douscentos anos do nacemento de dona Concepción Arenal Ponte. Nacida en Ferrol o 31 de xaneiro de 1820 e falecida en Vigo o 4 de febreiro de 1893, cursou estudos de Dereito, foi escritora, xornalista, poeta e autora dramática.

Concepción Arenal

Foi a primeira muller en asistir a unha Universidade española. Foi nomeada "visitadora de prisións de mulleres" en 1863 (1º muller na xestión da administración española), posto que foi suprimido definitivamente dez anos despois. Na Coruña trabou unha grande amizade con Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina, preceptora da raiña Isabel II. Concepción Arenal foi autora dunha ampla bibliografía, que se agrupa, fundamentalmente, ao redor de tres grandes temas: as denominadas "cuestión social", "penitenciaria" e "feminina". A súa obra tivo repercusión internacional malia que non saíu nunca de España. Porén, enviou informes a congresos internacionais que foron amplamente reseñados e seguidos por expertos internacionais da época e libros seus, como El visitador del pobre e El visitador del preso, foron traducidos a outras linguas.

Contra os canons establecidos para a muller

Un elemento esencial para comprender tanto a súa vida como a súa obra constitúeno a súa proximidade ao ideario liberal e krausista e o seu contacto con destacadas personalidades liberais da época, coas que compartiu a un tempo relacións de amizade e proxectos de carácter social e intelectual, como o seu amigo e cuñado Manuel de la Cuesta, Salustiano Olózaga, Juana de Vega, Fernando de Castro, Francisco Giner de los Ríos, Gumersindo de Azcárate, etc. Con Concepción Arenal naceu o feminismo en España, pois dende nova loitou por romper os canons establecidos para a muller, rebelándose contra a tradicional marxinación do sexo feminino, e reivindicando a igualdade en todas as esferas sociais para a muller.

Por estar considerada a primeira muller en asistir a unha Universidade española, como galega, como primeira española cuxos traballos foron recoñecidos en ámbitos xurídicos internacionais e por levar a biblioteca das facultades de Dereito, Ciencias Políticas e Relacións Laborais o seu nome, a USC quere pór en valor a unha muller que abriu camiños de xurista, de renovadora das institucións penitenciarias, de activista e benefactora social e de pensadora. Para iso impúlsase, con outras institucións, a programación do Bicentenario do seu nacemento con diversos actos organizados ao longo do ano 2020, baixo a denominación ‘Ano Concepción Arenal’, a fin de recoñecer a súa figura e dala a coñecer á sociedade.

Recoñecemento público

A coincidencia da súa traxectoria vital con outras tres mulleres galegas sobranceiras como Rosalía Castro, Emilia Pardo Bazán e Juana de Vega, é tamén un elemento relevante para que a nosa universidade impulse un recoñecemento público singularmente a Concepción Arenal no seu bicentenario, pero con extensión a todas elas e ao seu papel na historia de Galicia e na vida social, política e cultural da súa época.

En definitiva, o que se persegue é restablecer a andadura desta muller excepcional, cuxo pensamento foi máis aló da lenda coa que facilmente se etiquetou para librarse do seu verdadeiro legado.

Entidades/institucións

Universidade de Santiago de Compostela
Xunta de Galicia
Concello de Santiago de Compostela
Consello da Cultura Galega
Ateneo de Santiago de Compostela

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.04.2020.