Pasar al contenido principal

A mostra ‘Astrónomas’ achega a pegada das mulleres ao estudo do universo

Ademais da información sobre cada unha das científicas, ‘Astrónomas’ compleméntase con diversos materiais que inclúen unha contextualización da astronomía con outras ciencias. Foto: Santi Alvite
Ademais da información sobre cada unha das científicas, ‘Astrónomas’ compleméntase con diversos materiais que inclúen unha contextualización da astronomía con outras ciencias. Foto: Santi Alvite
Esta iniciativa busca fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas en xeral e, entre as nenas e adolescentes, en particular

Fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas en xeral e, entre as nenas e adolescentes, en particular, é a meta da exposición ‘Astrónomas’ centrada nas mulleres que dedicaron a súa vida ao estudo da astronomía e que abriu as súas portas este mércores 29 no Claustro Alto do Colexio de Fonseca. Con esta iniciativa preténdese non só incrementar a cultura científica, tecnolóxica e innovadora na sociedade, senón, ademais, mellorar a educación científico–técnica en todos os niveis, especialmente entre a xente nova.

A mostra é herdeira da exposición ‘Con A de astrónomas’, creada no marco do Ano Internacional da Astronomía 2009 e que percorreu centos de centros culturais, bibliotecas e institutos de secundaria de toda España ao longo da última década. Con esta mesma finalidade, ‘Astrónomas’ conta tamén cunha versión física de dezaseis paneis explicativos que estarán dispoñibles en castelán, galego e catalán. Ademais, a súa versión dixital cun espazo web propio, inclúe información de 270 astrónomas que traballan ou traballaron nunha ou en varias das catorce disciplinas nas que se estruturou a mostra, e recolle ademais os máis variados acentos de etnias, ámbito xeográfico, categoría profesional ou diversidade funcional.

No acto inaugural participaron a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo; a decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón; a comisaria da mostra, a profesora Josefina F. Ling; e a coordinadora da Oficina de Igualdade de Xénero, Eva Aguayo. Este traballo expositivo busca levar as posibilidades da acción cultural cara novos límites e axuda a avanzar cara unha sociedade máis igualitaria e máis xusta a través da visibilización do papel das mulleres na ciencia, indicou Mar Lorenzo. Neste mesma liña, a decana Elena Vázquez aludiu á natureza da proposta e o vinculo entre astronomía e mulleres porque, como indicou, “as mulleres son como as estrelas, empezaron a emitir luz hai moitos anos. A exposición minimiza agora distancias con esas pioneiras”. En opinión de Josefina Ling a mostra pon no foco figuras de distintas procedencia que marcan exemplos e modelos que poden inspirar e fomentar novas vocacións.

Mostra interactiva e materiais complementarios

Ademais da información sobre cada unha das científicas, ‘Astrónomas’ compleméntase con diversos materiais que inclúen unha contextualización da astronomía con outras ciencias, a súa relación co cinema, literatura, ou arte; cadernos pequenos pedagóxicos que se poden descargar, xogos interactivos, podcast e vídeos. Todo iso arroupado por unha banda sonora orixinal composta por Paula Espinosa.

A exposición ‘Astrónomas’ foi realizada por un grupo interdisciplinario de persoas tanto do ámbito da astronomía como da historia da ciencia e da docencia en distintos niveis, e grazas á colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía do Ministerio de Ciencia e Innovación. A Sociedade Española de Astronomía é un dos patrocinadores da exposición. A mostra presencial estará dispoñible no Claustro Alto do Colexio de Fonseca durante un mes, do 29 de setembro ao 29 de outubro. Poderase visitar de luns a venres en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.09.2021.