75 anos do Observatorio Astronómico Ramón María Aller
O nomeamento, o 27 de setembro de 1943, de Ramón María Aller como director do Observatorio Astronómico da USC marcou o inicio das actividades desta institución. Este xoves, polo tanto, cómprense 75 anos.
Anteriormente, o padre Aller levara a cabo unha exemplar actividade no seu Observatorio particular de Lalín, que foi mellorando aos poucos ata a chegada do refractor Stenheil en 1925. A produción en terras do Deza abrangueu non só observacións dunha morea de fenómenos astronómicos senón tamén a preparación de textos emblemáticos tanto de matemáticas como de astronomía. Tamén dende alí –explica o director actual do Observatorio compostelán, José Ángel Docobo, introduce en España o estudo das estrelas dobres visuais, cuxos resultados publica nas Astronomische Nachrithten acadando así recoñecemento internacional o modesto observatorio lalinense.
Logo de trasladarse á USC en 1939 para impartir clases de análise matemática e xeometría analítica grazas ás xestións do profesor Vidal Abascal, decídese, co apoio do CSIC, o traslado da instrumentación de Lalín a un novo pavillón construído na entón chamada Residencia universitaria.
O profesor Aller accedeu á cátedra de Astronomía, que quedou vinculada ao Observatorio, polo de atracción para matemáticos galegos e científicos en xeral. “Tal foi así que, xa en 1945, o profesor Vidal creou dentro do Observatorio unha Sección de Astronomía Teórica e Matemática que levou o nome do excelso matemático galego Juan Jacobo Durán Loriga”, matiza Docobo. Dita sección tivo unha extraordinaria produción e en dez anos deu lugar ao xerme da Sección de Matemáticas dentro da Facultade de Ciencias, que tiña só a Aller, Vidal e Ferrín como profesores, e que décadas despois se transformaría na Facultade de Matemáticas.
Nova etapa dende 1981 O magnífico bagaxe científico do Observatorio nos eidos da Astronomía e das Matemáticas truncouse en 1966 coa morte do seu fundador, sen que a USC atopase sucesor nin para a cátedra de Astronomía nin para a dirección do Observatorio. “Comeza aí unha preocupante etapa decadente que a piques estivo de provocar a súa desaparición”, conta Docobo, que foi quen en 1981 e dende a Universidade de Zaragoza accedeu á praza de profesor de Astronomía, “creada grazas ás xestións do reitor Suárez Nuñez e do profesor Vidal Abascal”, que sería ademais o encargado da recuperación do observatorio dende a dirección.
“Logo de anos de enorme traballo e esforzo foise acadando financiamento a través de proxectos de investigación, incorporando persoal con gran dificultade, mellorando a instrumentación e poñendo ao día a biblioteca, iniciada cos fondos doados por D. Ramón María Aller”, explica.
Pasado o tempo, o Observatorio, que leva o nome do seu fundador desde 1983, converteuse nun centro especialmente activo tanto en investigación como en docencia e divulgación científica, ademais de establecer un acordo de colaboración coa Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) para o subministro de datos, que se volveron recoller diariamente desde o 1 de xaneiro de 1982.
Investigación e divulgación A liña tradicional de investigación en estrelas dobres e múltiples foi adecuadamente potenciada grazas á publicación de artigos científicos nas mais sobranceiras revistas especializadas a nivel internacional, á organización de congresos internacionais, á adquisición de instrumentación punteira a utilizar en grandes telescopios en Europa, América e Asia, á dirección de numerosas teses de doutoramento ou á edición da Circular de información da Comision G1 da International Astronomical Union. Todo isto culminou na elección do profesor Docobo como presidente da Comisión de Estrelas Dobres e Múltiples da IAU en 2009.
En docencia, a Área de Astronomía está a impartir materias nos Graos de Matemáticas, Física, Óptica e tamén no campus de Lugo. A todo isto cómpre engadir as ensinanzas para maiores de 50 anos a través do IV Ciclo Universitario. En todos estes anos, centos de estudantes puideron facer as súas prácticas nas mellores condicións sobre todo logo de incorporar en 2003 o telescopio ruso de 0.62m de apertura, un dos maiores do ámbito universitario español.
En divulgación, téñense organizado numerosas actividades coincidindo con fenómenos astronómicos relevantes pero tamén grazas a programas propios coma o PECAS, xa pola edición 22, e ultimamente con TODOCOSMOS, unha iniciativa do Observatorio que conta co apoio da FECYT ( Ministerio de Ciencia, Universidades e Innovación) e que nos últimos anos, grazas á participación de colaboradores expertos en divulgación astronómica, está levando a Astronomía a medio cento de concellos galegos con actividades para todos os públicos.