Pasar al contenido principal

EUniWell, a alianza europea do benestar, avalía na conferencia anual os seus retos de futuro

Coa incorporación da Universidade compostelá, EUniWell pasa a estar integrada por  330.000 estudantes. FOTO: Santi Alvite
Coa incorporación da Universidade compostelá, EUniWell pasa a estar integrada por  330.000 estudantes. FOTO: Santi Alvite
A comunidade universitaria poderá seguir este foro en liña, os días 9 e 10 de novembro (previo rexistro), no que o consorcio do que forma parte a USC fará balance dos obxectivos acadados na fase piloto
Lugo, Santiago de Compostela

A Alianza Europea EUniWell, na que se integra a USC, organiza na Universidade de Murcia os días 9 e 10 de novembro a Conferencia ‘EUniWell Showcase - Becoming a Voice for Well-Being’. A través deste foro, a Alianza quere fortalecer a colaboración entre as institucións que a integran, así como visibilizar e poñer en valor os logros acadados na fase piloto do proxecto Erasmus+, que remata agora, nos eidos da investigación, a educación, a innovación e a participación cidadá no marco dunha axenda común do benestar.

Esta conferencia servirá para dar a coñecer as oportunidades que se abren para a comunidade universitaria dentro do novo proxecto ‘EUniWell–Well-Being for our Futures (EUniWellWeFF)’, que comeza o próximo 1 de novembro. Neste senso, o Persoal Docente e Investigador, o Persoal de Administración e Servizos e a comunidade estudantil interesados en participar poden rexistrarse para seguir o evento en liña.

O foro albergará a presentación dos resultados dos grupos de traballo EUniWell na fase piloto, destacando a súa contribución no seo das institucións que integran a Alianza; o lanzamento do ‘Marco Estratéxico de EUniWell para 2030’, que se presenta como folla de ruta para o desenvolvemento futuro da Alianza; así como diversas mesas redondas coas que se aspira a fomentar o intercambio de coñecemento e a inspirar a posta en marcha de novas ideas.

Contribución tanxible ao benestar

A USC é dende xaneiro de 2023 unha das once institucións universitarias que integran a alianza EUniWell, a Universidade Europea do Benestar, que co apoio da Comisión Europea persegue comprender, mellorar, medir e reequilibrar o benestar das persoas, as comunidades e a sociedade no seu conxunto en base a valores democráticos, inclusivos e de diversidade. A institución compostelá integrouse neste consorcio e sumouse á listaxe de nove institucións que xa formaban parte da alianza: Birmingham, Cologne, Florence, Konstanz, Murcia, Linnaeus University, Nantes Université, Semmelweis University e Taras Shevchenko National University of Kyiv. Coa incorporación da Universidade compostelá, EUniWell pasou a estar integrada por  330.000 estudantes e case 60.000 membros procedentes dos respectivos cadros de persoal das institucións que a compoñen. 

EUniWell, unha das preto de medio cento de alianzas universitarias financiadas dende 2020 pola Comisión Europea ao abeiro do programa ERASMUS+, utiliza a fortaleza colectiva para dar forma ao futuro da educación superior en Europa situando o benestar no centro da súa actividade investigadora, docente e de intercambio internacional. Co seu enfoque no benestar, EUniWell responde ao convite do Consello da Unión Europea para que os estados membros adopten un enfoque horizontal, intersectorial e baseado no coñecemento para promover a 'Economía do Benestar'. 

En novembro de 2020, EUniWell entrou na súa fase piloto de tres anos durante os cales desenvolveu unha axenda común de investigación e docencia sobre o benestar, a nivel rexional, europeo e mundial.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 31.10.2023.