Nesta mostra exhíbense doce obras realizadas en acrílico sobre lenzo, nas que están representadas 24 especies de vertebrados da fauna galega e exótica
O Museo de Historia Natural da USC inaugura o sábado 11 de novembro ás 18.00 horas, a exposición 'Parellas imposibles: xuntos, só aquí e agora', una proposta pictórica de Mª de la Soledad Ruiz Álvarez (Madrid, 1946). A autora, doutora en Bioloxía e profesora nas Universidades de Vigo e Santiago, participou como ilustradora da ciencia en diversas publicacións, no ámbito da Bioloxía, e como pintora colaborou en distintas exposicións colectivas.
Nesta mostra exhíbense doce obras realizadas en acrílico sobre lenzo, nas que están representadas 24 especies de vertebrados da fauna galega e exótica. A autora condúcenos por un sendeiro onde estas especies conviven como "parellas imposibles". Unhas polas súas relacións antagónicas depredador-presa e outras porque están afastadas xeograficamente, habitando ecosistemas con características e clima moi diferentes.
A mostra inaugurarase nun acto no que, ademais da autora interveñen o director do Museo de Historia Natural da USC, Marcos González, e a presidenta da Asociación de amigos do Museo, Xoana Pintos. A exposición poderá visitarse de balde ata o 9 de xaneiro de martes a sábado de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 e os domingos e festivos de 11.00 a 14.00 horas.