Pasar al contenido principal

Aberto ata o 7 de febreiro o prazo para concorrer a unha residencia de investigación dentro do consorcio EUniWell

A USC é dende xaneiro de 2023 unha das institucións universitarias que integran a alianza EUniWell. FOTO: Santi Alvite
A USC é dende xaneiro de 2023 unha das institucións universitarias que integran a alianza EUniWell. FOTO: Santi Alvite
A Universidade de Nantes abre unha convocatoria ligada á cátedra de recente creación sobre ‘Habitar no prisma dos límites planetarios; repensar enfoques territoriais, urbanos e arquitectónicos’
Lugo, Santiago de Compostela

No marco do consocio EUniWell, ao que pertence a USC dende o ano 2023, a Universidade de Nantes abre unha convocatoria de solicitudes de residencias de investigación ligadas á cátedra de recente creación ‘Habitar no prisma dos límites planetarios; repensar enfoques territoriais, urbanos e arquitectónicos’ (‘Inhabiting in the prism of planetary limits; rethinking territorial, urban, and architectural approaches’). Participan a Axencia de Urbanismo da rexión de Nantes, a Escola Nacional de Arquitectura de Nantes, a empresa SCE-KERAN e o Instituto de Estudos Avanzados de Nantes.

A cátedra ten como obxectivo destacar e articular un pensamento científico transdisciplinario e prospectivo para cuestionar e explorar as formas e modos de habitar no prisma dos límites planetarios: neutralidade de carbono ou adaptación ao cambio climático, entre outros aspectos. Desenvólvese nun programa de tres anos, desde 2024 ata 2027, con tres residencias sucesivas para persoal investigador durante un período de nove meses cada unha (2024-2025; 2025-2026; 2026-2027).

Durante a estadía, a persoa candidata traballará no Instituto de Estudos Avanzados e desenvolverá o seu traballo de investigación en interacción cos socios para difundir e inspirar os profesionais na planificación urbana e territorial máis aló da contorna académica. A candidatura debe estar vinculada con algunha das seguintes disciplinas: humanidades, ciencias sociais, ciencias físicas, ciencias ambientais, ciencias biolóxicas ou enxeñería. O prazo de presentación de solicitudes para a residencia de outubro de 2024 a xuño de 2025 esténdese ata o 7 de febreiro de 2024.

A USC é dende xaneiro de 2023 unha das institucións universitarias que integran a alianza EUniWell, a Universidade Europea do Benestar, que co apoio da Comisión Europea persegue comprender, mellorar, medir e reequilibrar o benestar das persoas, as comunidades e a sociedade no seu conxunto en base a valores democráticos, inclusivos e de diversidade.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.01.2024.