Pasar al contenido principal

O AHUS recolle o traballo de preto de 300 científicas de todo o mundo a través da mostra itinerante ‘AstrónomAs’

A actividade enmárcase na axenda da USC co gallo do 8M. FOTO: Santi Alvite
A actividade enmárcase na axenda da USC co gallo do 8M. FOTO: Santi Alvite
A que fora profesora no departamento de Matemática Aplicada da USC, Josefina Ling Ling, actúa como comisaria desta exposición que pode visitarse ata o vindeiro 22 de marzo, de 9.00 a 14.00 horas

A exposición ‘AstrónomAs’, comisariada pola que fora profesora da área de Astronomía e Astrofísica no departamento de Matemática Aplicada da USC, Josefina Ling Ling, céntrase na divulgación do traballo que realizaron ou realizan preto de 300 mulleres de todo o mundo no ámbito científico que dá nome á mostra. Enmarcada no programa de actividades da USC co gallo do 8M, esta exposición itinerante poderá visitarse no Arquivo Histórico Universitario (AHUS) ata o vindeiro 22 de marzo, de 9.00 a 14.00 horas.

Estruturada en catorce disciplinas, a mostra, que conta cunha versión en liña, pretende fomentar vocacións científicas e tecnolóxicas, fundamentalmente, entre as nenas e adolescentes; divulgar as investigacións realizadas por mulleres científicas na astronomía e astrofísica, así como dar a coñecer as perspectivas futuras nestes campos.

‘AstrónomAs’ aspira a “incrementar a cultura científica, tecnolóxica e innovadora na sociedade e mellorar a educación científico-técnica, especialmente, entra a xente nova”, apuntan dende a organización da mostra. O vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo, a comisaria da mostra Josefina Ling Ling, e a directora do AHUS, Désirée Mª Domínguez Pallas, inauguraron a mostra nun acto que se desenvolveu este venres 1.

Antonia Ferrín Moreiras

O AHUS únese así a esta iniciativa cedendo o espazo expositivo e dotando de contexto a mostra a través do acto que terá lugar o 8 de marzo ás 17.30 horas, baixo o lema ‘Historias de Mulleres: Antonia Ferrín Moreiras, a primeira muller astrónoma de Galicia’.

A sesión presidida por Elena Cendón Vázquez, decana da Facultade de Matemáticas da USC, contará con dúas relatoras, a propia Josefina Ling Ling e Matilde Ríos Fachal, profesora e investigadora, que abordarán distintos aspectos da biografía de Ferrín Moreiras e da súa estreita vinculación co Observatorio Astronómico e a Facultade de Matemáticas da USC. A axenda completa da USC co gallo do 8M pode consultarse na web de Igualdade.

De esquerda a dereita, Désirée Mª Domínguez Pallas, Josefina Ling Ling e Gumersindo Feijoo. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Désirée Mª Domínguez Pallas, Josefina Ling Ling e Gumersindo Feijoo. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.03.2024.