Pasar al contenido principal
  • Investigar

O niño dun artesán

O niño dun artesán
O niño dun artesán
Por Xoana Pintos

Os niños son estruturas construídas polas aves para poñer e incubar os seus ovos e acubillar aos pitos dos depredadores ata que sexan independentes. Habitualmente os imaxinamos como pequenas cestas con forma de cunca, feitos con herbas e pauciños pero en realidade poden ter formas e posición tan diversas como un sinxelo oco escarvado na area, calquera repisa ou trabe, cavidades en árbores ou rochas, grandes plataformas, etc.

Nalgunhas especies a construción do niño depende en boa parte das femias, noutras o macho será o construtor do niño. Este é o caso dos tecedores, aves paseriformes do xénero Ploceus, que constrúen incribles niños colgantes de forma esférica cun curto corredor de entrada na parte inferior, a modo de funil ou trompeta, para protexerse do acceso das serpes.

As ferramentas deste mestre tecelán son o seu peteiro e patas cos que consegue facer lazos e apertalos -un traballo nada doado- obtendo nós que fan que o seu niño sexa posiblemente o máis elaborado entre as aves, unha verdadeira obra de arte. Debe realizar centos de viaxes (ata 500) para recoller todo o material que necesita na súa obra: finas herbas ou estreitas tiras flexibles de entre 30 e 60 centímetros de lonxitude que extrae das plantas.
Aniñan formando colonias reprodutivas, podendo observarse grande contía de niños colgando das mesmas árbores en certas áreas subsaharianas.

A calidade do niño supón unha garantía para o éxito da especie. Unha vez feita a vivenda esta debe pasar a proba de lume, unha minuciosa inspección por parte da femia que revisará a parte interior, comprobando a resistencia dos nós, dándolle –ou non- ou seu visto bo. As femias resultan esixentes e, en numerosas ocasións, os machos deben destruír o niño e comezar de novo. Só os mellores tecedores se aparearán.

No MHN temos unha colección de niños e ovos de aves que podedes observar na exposición permanente. Nas imaxes podedes ver dous niños de tecedor que forman parte dos fondos do MHN. O primeiro deles chegou a nós doado pola familia do arqueólogo tudense Ricardo Blanco Cicerón (1844-1926). Foi recollido nas selvas da península de Malaisia no século XIX. O segundo foi doado por Manuel González García e recadado en illa Mauricio.

Imaxe dun niño
Imaxe dun niño
Vídeo
Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.05.2024.