Pasar al contenido principal

Un peixe con angazo

Pristis pectinata
Pristis pectinata
Por Xoana Pintos

Os exemplares de peixe serra poden medir ata algo máis de sete metros de lonxitude. A súa característica morfolóxica máis significativa é un longo fouciño aplanado e bordeado de dentes a ambos lados, chamado rostrum. Esas prolongacións quedan facilmente enredadas nas redes o que supón o principal problema para as poboacións destes animais.

Os peixes serra teñen certa semellanza coas raias: son aplanados, coa boca localizada na parte inferior, tendo verdadeiros dentes, pequenos e afiados. A serra é cartilaxinosa e longa. As pezas da serra non son verdadeiramente dentes senón escamas modificadas, espazadas uniformemente. Sofren moito desgaste e perda e son repostos continuamente, dende a base. O número destes dentes rostrais varía segundo a especie e sexo, entre 18 e 34 a cada lado. A serra da fotografía (Pristis pectinata, Latham 1794), exposta no Museo de Historia Natural, conta con 45 dentes e 26 pares de alvéolos.

Para que serve a serra? A serra (o rostrum) posúe sensores que permiten co animal os use como detectores de movemento, localizando presas que viven no fondo mariño. Tamén lles serve para escavar e extraer os moluscos e crustáceos dos que se alimenta, usándoo a modo de angazo. As veces o utilizan como defensa contra outros depredadores como as quenllas.

Os peixes serra son ovovivíparos, isto quere dicir que os ovos permanecen dentro da nai e os novos individuos desenvólvense dentro do ovo. A expulsión prodúcese no momento da eclosión do ovo. As pequenas crías nacen cunha envoltura a modo de vaina rodeando o rostrum, protexendo así a delicada serra e evitando lesionar á nai no momento do nacemento. Está envoltura tarda pouco en disolverse permitindo ao exemplar comezar axiña a súa alimentación.

Todas as especies de peixe serra están en “perigo” ou en “perigo crítico de extinción” debido, como xa contamos, a que enlean nas artes de pesca, pero tamén a que son capturados para consumo de carne, para distintos usos na medicina tradicional chinesa, para usar os dentes como esporóns nas pelexas de galos e, especialmente, para a elaboración da famosa sopa de aleta de tiburón. Pensemos ademais na destrución sen tregua dos seus hábitats, debido por suposto á intervención dos humanos, e entenderemos a súa inclusión na Lista Vermella da Unión Internacional para a Conservación da Natureza

Bibliografía

Wueringer, Barbara E., Lyle Squire Jr. & Shaun P. Collin (2009): The biology of extinct and extant sawfish (Batoidea: Sclerorhynchidae and Pristidae) Reviews in Fish Biology and Fisheries vol. 19, no 445

Ficha informativa para a 11a Reunión da Conferencia das Partes (CoP11) da Convención sobre a Conservación das Especies Migratorias de Animais Silvestres.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.05.2024.