Pasar al contenido principal

Belezas perigosas

Conus textile
Conus textile
Por Xoana Pintos

Brais, un dos nosos visitantes, enviounos un correo preguntando cal é o animal máis perigoso entre os que temos expostos no museo. Boa pregunta! De entrada seguro que o noso pequeno amigo pensaría nun T. rex ou nun megalodón, pero lamentamos comunicar que non coincidiron cronoloxicamente cos humanos. Influídos pola literatura e o cine, de seguida veñen á nosa cabeza crocodilos, osos ou quenllas, pero os ataques destes animais son pouco frecuentes. Pode sorprender pero o promedio de ataques mortais de tiburóns en todo o planeta non pasa dos 7 anuais. Xa con datos na man, podemos asegurar que as infeccións causadas por parásitos, bacterias e virus serían realmente as causantes de maior mortandade pero non temos exemplares microscópicos expostos ao público.

E cal foi a resposta que lle demos ao noso amigo Brais? De que terrible bicho falamos? Pois os fermosos e letais conos mariños, uns gasterópodos do xénero Conus, que contan cunhas 800 especies que se alimentan de vermes, ou de moluscos ou de peixes. Posúen unha incribles cunchas con xaspeados patróns xeométricos de diferentes cores.

Imos destacar dous: o Conus textile, moluscívoro e o Conus geographus, piscívoro, ambos habitantes dos arrecifes tropicais e ben coñecidos polas súas toxinas, que administran ao través dun dente hipodérmico en forma de agulla ou arpón. O ataque consiste no lanzamento dese arpón coas conotoxinas –máis de 100 péptidos diferentes-que axiña paralizan á presa, polo seu potente efecto anestésico. A pesares da súa letalidade, na actualidade estase estudando a súa aplicación en medicina (no tratamento de certos tipos de cancro) e en neurociencia.

Son especies propias de mares tropicais e cálidos como o Caribe, Mar Roxo, o océano Índico, Filipinas, costas australianas e as das Illas de Cabo Verde. Podes observar a beleza das súas cunchas no Museo de historia Natural, dentro da magnífica colección malacolóxica Rolán.

Lamentablemente, se pensamos no animal máis perigoso non só para o home, se non para o resto dos animais, deberíamos dicir que é a especie humana. Unha especie invasora que leva causado máis dano medioambiental que calquera outra especie.

Bibliografía

Kohn, AJ: Conus Envenenamiento de humanos: realidad y ficción. Toxinas 2019, 11, 10.
 https://doi.org/10.3390/toxins11010010

Hodges, Glenn, 2016: El verano de los tiburones. National geographic, vol. 38, n. 6, 2016

Lemmuel L. Tayo, Bingwen Lu, Lourdes J. Cruz, and John R. Yates III: Proteomic Analysis Provides Insights on Venom Processing in Conus textile. Journal of Proteome Research, 2010

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.05.2024.