Pasar al contenido principal

Orixe

Orixe do Consello do Estudantado

O Consello do Estudantado nace o 14 de xuño do 2022 reunindo a un grupo de estudantes de diversas facultades para comezar a traballar nun proxecto conxunto como representantes. Se ben a súa existencia aparece recollida no artigo 29 do Estatuto do Estudantado da USC que se publicara no 2019, a pandemia da Covid impediu que o Consello se constituíse até tres anos máis tarde. Dende o seu nacemento, este órgano traballou por mellorar as condicións do estudantado dentro da universidade, garantindo a apertura de espazos de estudo, negociando normativas relevantes como a Normativa de Asistencia a Clase, acadando prezos reducidos para o estudantado nas cafeterías universitarias ou organizando xornadas formativas para toda a universidade. 

Dende os seus inicios, o Consello buscou que os intereses do estudantado da USC estivesen representados nos órganos nos que se deciden as políticas que lle atinxen. É por iso que cada ano realiza campañas para fomentar a participación do estudantado nas eleccións a representantes. Porén, esa acción non contemplaría aqueles órganos alleos á USC nos que ten voz e voto o estudantado universitario. Dende o seu nacemento, o Consello acude a todas as xuntanzas do Consello de Estudiantes Universitario del Estado (CEUNE) e da Coordinadora de Representantes de Estudantes de Universidades Públicas (CREUP), onde levou diferentes posicionamentos co obxectivo de progresar na mellora da universidade. Así mesmo, dende o Consello colabórase cos representantes dos distintos centros para que poidan formar parte das súas asociacións sectoriais, integrándose na representación do estudantado do estado colaborando e recibindo axuda adaptada a cadansúa rama do coñecemento.

A día de hoxe, o Consello conta con representación de practicamente todas as facultades da universidade, está integrado dentro do funcionamento da comunidade universitaria e traballa día a día organizando actividades e resolvendo os problemas do colectivo estudantil na Universidade de Santiago de Compostela.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.10.2024.