
O 8 de outubro de 2024, o Museo de Historia Natural da USC cumpriu 10 anos na súa actual localización no Parque Vista Alegre de Santiago. A súa orixe como Gabinete de Historia Natural remóntase ao século XVIII, aínda que a súa creación oficial fixase no curso 1840-41, coa primeira cátedra de Historia Natural da Universidade de Santiago. O primeiro catedrático encargado foi Antonio Casares e comeza una historia temporal de eventos e incrementos de patrimonio nos que participan relevantes científicos que se dedicaban ao estudo e conservación da natureza. O Gabinete transfórmase en Museo en 1906, ampliando o seu espazo na Facultade de Xeografía e Historia baixo a dirección Antonio García Varela. O traslado en 1960, nos derradeiros anos do director Luis Iglesias Iglesias, para a recentemente inaugurada Facultade de Química, supón un importante incremento da superficie para a exposición dos seus fondos, que finalmente consolidase cun edificio propio na actual localización.
A riqueza e diversidade das coleccións que alberga o Museo de Historia Natural da USC, co seu enorme valor científico, histórico e didáctico, é froito do traballo e xenerosidade de científicos e coleccionistas dos séculos XIX, XX e XXI, moitos deles galegos. Na celebración do 10º aniversario do Museo no actual edificio, queremos aumentar a súa visibilidade o poñer en valor os seus fondos mediante esta exposición temporal sobre a súa historia e as actividades desenvolvidas nestes derradeiros anos.



















