De acivros, arañeiras e animais festeiros
Este ano traemos a este recuncho tres historias relacionadas coas festas. A primeira ten que ver cunha árbore, o acivro. Podemos ver as súas follas debuxadas en papeis, caixas, tarxetas de felicitación, nos escaparates das tendas ou na decoración interior de moitos fogares. O nome científico desta árbore, Ilex aquifolium, fai referencia ás súas follas espiñentas na parte baixa da copa, unha adaptación que lle serve de protección fronte aos animais herbívoros. Existen exemplares masculinos e femininos, sendo os femininos os que producen unha baga (moi tóxica) de cor vermella intensa. Esta especie vizosa e perenne é moi lonxeva, pois pode vivir centos de anos e serve de alimento e refuxio climático invernal para varias especies animais. Reduciuse moito o número de acivros na natureza debido, como non, á acción humana, polo que varios países europeos os incluíron nos seus catálogos de especies protexidas[1]. Non está amparada no noso país, onde cada vez hai menos acivrais. Parece pois tempo de recuperar a figura de especie protexida para esta árbore tan unida a estas festas.
A segunda historia fai referencia a unha curiosa tradición do Nadal en Ucraína. Contan que unha pobre muller viúva e con fillos, adornou a súa árbore co pouco que tiña. Pola noite, as arañas decidiron axudar tecendo unha arañeira que cubriu a árbore. Ao alborexar o día os raios do sol converteron o meticuloso traballo das arañas en fíos de ouro e prata. Dende aquela, a árbore –chamada yalinka- adórnase en todas as vilas do país con bolas, grilandas, estrelas e, cando xa está ben engalana, cóbrese con arañeiras. Os cativos da casa deben buscar ademais unha araña agochada entre as polas. Quen a atope recibirá un agasallo.
Finalmente, a última curiosidade chéganos dende o Brasil. Non podemos asegurar que esta historia sexa certa, pois as nosas amigas brasileiras non o saben de certo, pero nalgunha rexión deste país asegúrase que durante o mesmo día Nadal os animais poden falar. Nenas e nenos procurarán comprobar se a gata, o can, un peixe, ou calquera outro animal poden contestarlles. Que lles preguntarías? Cal sería o máis falador? E o máis apoucado? Gustaríanos saber que dirían os animais, igual non teñen cousas boas que contar de nós en vista de como tratamos á natureza, non vos parece?
O que si sabemos de certo e que algúns dos animais residentes no Museo de Historia Natural gustan moito destes vindeiros días e súmanse as festas. Queres saber cales son e como o celebran? Vén visitalos e de seguro que te sorprenderán.
Boas festas!
[1] En Asturias o Decreto 65/95, de 27 de abril declara a esta especie como de “interese especial”