Pasar al contenido principal

O grupo ICEDE organiza o seminario internacional ‘Economía Circular: Cradle to Cradle e modelos de negocio sustentables’

Economía circular
Economía circular
O grupo de investigación ICEDE e o Máster DEIN da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais organizan este martes 5 un seminario internacional sobre ‘Economía Circular: Cradle to Cradle e modelos de negocio sustentables’ dirixido a...

O grupo de investigación ICEDE e o Máster DEIN da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais organizan este martes 5 un seminario internacional sobre ‘Economía Circular: Cradle to Cradle e modelos de negocio sustentables’ dirixido a responsables de empresas, consultores, académicos, estudantes e responsables políticos. O acto contará coa presenza dos expertos internacionais no sistema C2C, Tamara Zwart e Ignasi Cubiñà, e na avaliación de carteiras sustentables, Alexis Figeac.

No Salón de Graos de Ciencias Económicas e Empresariais, o evento presentarao o catedrático de Economía Aplicada e coordinador do Grupo ICEDE, Xavier Vence, e desenvolverase entre as 16.00 e as 20.00 horas. O seminario contará coas ponencias de expertos europeos en modelos de negocio para a Economía Circular. Entre outras persoalidades, Tamara Zwart, responsable de proxectos especiais europeos do Instituto de Innovación de Produtos Cradle to Cradle (C2C), pioneiro da Economía Circular, que explicará a filosofía do sistema de certificación C2C, orientado a avaliar o deseño, a fabricación e o potencial de optimización dos produtos dunha organización de acordo cos principios “do berce ao berce”.

A continuación, Ignasi Cubiñà, director da consultora Eco Intelligent Growth, socia española do Instituto Cradle to Cradle, ofrecerá unha sesión interactiva para a dar a coñecer en detalle a metodoloxía e as aplicacións do sistema de certificación C2C. Por último, Alexis Figeac, responsable de equipo do Collaborating Centre on Sustainable Consumption and Production (CSCP), explicará os beneficios para as organizacións da avaliación e xestión de carteiras sustentables.

O seminario inscríbese dentro do programa de actividades do Master DEIN e do proxecto R2PI, financiado polo programa europeo Horizon 2020, no que participa o Grupo ICEDE xunto con 14 universidades, consultoras e outras organizacións de países europeos. O consorcio manterá unha reunión de traballo en Compostela durante as xornadas do 6 e 7 de setembro, na que máis de 30 expertos debaterán sobre metodoloxías de análise e deseño de modelos de negocio para a Economía Circular.

O Grupo ICEDE, coordinado polo catedrático de Economía Aplicada Xavier Vence, é o grupo de investigación referente da USC no ámbito dos modelos de negocio para a Economía Circular. Ao longo dos últimos anos, o equipo ten desenvolto as liñas de investigación relacionadas coa eco-innovación, os sistemas produto servizo e os modelos de negocio sustentables, con participación en diferentes proxectos europeos. R2PI é un proxecto do Programa Horizon 2020, que se centra nas empresas e nas súas cadeas de valor para facer posible a súa transición cara á Economía Circular. Unha parte esencial do proxecto consiste en traballar con quince organizacións que teñan iniciado o seu camiño para incluír os principios da economía circular dentro do seu modelo de negocio. Como resultados, o consorcio R2PI ofrecerá unha guía que facilite a outras empresas a integración dos principios de Economía Circular e o deseño de paquetes de políticas para promover a transición cara a un novo modelo produtivo e de consumo máis sustentable.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.02.2024.