Investigadores do grupo ICEDE da USC coordinan o único proxecto gañador da convocatoria aberta da EU-LAC Foundation
Na súa convocatoria aberta de proxectos de investigación, a Fundación EU-LAC (Unión Europea-América Latina e o Caribe) acaba de resolver que o proxecto gañador sexa o que coordina o profesor Óscar Rodil Marzábal, do grupo ICEDE (Innovación, cambio estrutural e desenvolvemento) da USC, e no que participa un consorcio de investigadores de universidades de España e México. O proxecto leva por título ‘ Avances no patrón de comercio intra-industrial entre a Unión Europea e América Latina: o caso de Brasil e México’ e enmárcase dentro do Programa Explora da propia institución, que ten como obxectivo identificar novos temas relevantes para as relacións entre os países da Unión Europea e de América Latina, así como propoñer formas de cooperación nestes ámbitos na relación birrexional. A selección da proposta foi efectuada polo consello académico da Fundación, integrado por cinco académicos eminentes de ambas rexións (Unión Europea e América Latina-Caribe) e que foron designados co fin de garantir a calidade da investigación realizada no marco da convocatoria e a transparencia do procedemento de adxudicación. A EU-LAC Foundation, con sede en Hamburgo (Alemaña), é unha institución creada polo VI Cumio de Xefes de Estado e de Goberno en 2010, da que forman parte máis de 60 países de Europa, América Latina e o Caribe. Nesta convocatoria de proxectos, á que poden presentarse propostas de investigadores procedentes dos estados socios e de diversas áreas de coñecemento, tan só pode resultar elixido gañador un único proxecto. O ICEDE O grupo de investigación da USC en ‘Innovación, cambio estrutural e desenvolvemento’ comezou a conformarse nos anos 90 no seo do Departamento de Economía Aplicada da USC aínda que integra membros doutros departamentos e doutras Universidades. ICEDE está especializado en temas de economía e políticas da innovación, desenvolvemento rexional, desigualdades territoriais, crise económica e economía de Galicia.