Ir o contido principal

Camiñadas da EPSE 2024

Coidando da terra: unha visita a Láncara

A Comisión de Normalización Lingüística da EPSE dálle a benvida ao curso 24-25 organizando unha camiñada por este concello rural, rico en patrimonio natural e histórico.

Igrexa de Ronfe (Láncara)
“Igrexa parroquial de San Pedro de Ronfe” por Riciños, con licenza CC BY-SA 4.0

A Comisión de Normalización Lingüística da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) dálle a benvida ao curso 24-25 organizando unha camiñada polo concello de Láncara o 28 de outubro. "Desta vez os nosos pés andarán cara ao sur, ata Láncara, un concello rural da meseta lucense rico en patrimonio natural e histórico", explican. "Pero ademais de percorrelo e achegarnos a algún dos seus monumentos máis característicos, coma a casa natal de Ángel Castro (hoxe Centro de Interpretación da Emigración Galega) ou a ponte de Carracedo, visitaremos tamén un lugar moi especial: a Casa de Vázquez", engaden. 

Trátase dunha casa de labranza histórica, da que constan rexistros desde o século XIX, e que hoxe en día segue funcionando como unidade agrogandeira, centrada na produción ecolóxica de carne e de mazá para sidra. "María, Marcos e Brais, os seus actuais propietarios, amosarannos a explotación e contarannos a súa evolución, que representa a pequena escala a da agricultura galega", explican.

Alí podererán visitar tamén o Muvicla (Museo Vivo do Campo e a Locomoción Agraria), o único espazo dedicado integramente á maquinaria agrícola que existe en Galicia.

O programa detallado da viaxe é o seguinte:

  • 09:30 Saída de Lugo
  • 10:00 Chegada á Casa de Vazquez. Visita á granxa e ao Muvicla
  • 12:30 Visita á Casa Museo Ángel Castro e Centro de Interpretación da Emigración Galega
  • 14:00 Comida
  • 16:00 Camiñada polo patrimonio de Láncara. Visita a Ponte de Carracedo
  • 18:30 Volta a Lugo

As persoas intresadas deben enviar unha mensaxe electrónica ao enderezo anaisabel.garcia [at] usc.gal (anaisabel[dot]garcia[at]usc[dot]gal), indicando os seus datos e a súa vinculación coa USC e poñendo no asunto "Inscrición camiñada Láncara 2024".

Cartel da camiñada de setembro de 2024
Cartel anunciador
Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.09.2024.