Os 'Encontros de Lúa Chea', un programa de debate sobre cuestións de actualidade organizado polo colectivo universitario Proxéctate en Galego e incluído dentro da programación do Outono Cultural, ofrece o xoves 21 de novembro, ás 19.00 horas, na cafetaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, o faladoiro 'As infraestruturas na provincia de Lugo a debate'. Esta iniciativa enmárcase dentro da programación artellada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Cultura e Turismo do Concello de Lugo e da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.
Falarán David Cota Mascuñana, profesor da área de Enxeñaría e infraestruturas dos transportes e do grao de Enxeñaría civil da USC, e Pedro Blanco Valcárcel, graduado en Enxeñaría civil e doutorando no departamento de Matemática aplicada da USC. A xornalista e profesora da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, Marta Veiga Izaguirre, será a moderadora da sesión.
O encontro que está coordinado pola Comisión de Normalización Lingüística da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, servirá para presentar a historia e as circunstancias que levaron á situación actual das infraestruturas na provincia de Lugo, e revisaranse algunhas das características da ocupación do territorio galego (e en concreto do lucense) que condicionan as infraestruturas existentes e as futuras. Así mesmo, vaise comparar a provincia de Lugo con outras provincias, para poder ver o nivel de desenvolvemento relativo neste ámbito. Por último, "trataremos de darlle sentido, dende un punto de vista técnico, ás condicións que xustifican a execución de novas infraestruturas, distinguindo execución de explotación, e erguendo a ollada cara ao futuro, ao porvir das infraestruturas na provincia", explican dende a organización.