Ir o contido principal

O acto de apertura do curso recupera a voz do estudantado, “elemento esencial” da institución universitaria

O acto desenvólvese no Colexio de Fonseca. FOTO: Santi Alvite
O acto desenvólvese no Colexio de Fonseca. FOTO: Santi Alvite
A USC retoma a tradición de que un representante do alumnado interveña nesta cerimonia solemne, feito que o reitor Antonio López definiu como “momento simbólico pero transcendental” cuxo último protagonista foi o intelectual galeguista Francisco Fernández del Riego en 1933

“Hoxe, vimos de asistir a un momento simbólico pero  transcendental como é recuperar a voz do estudantado no acto solemne de inauguración do curso universitario en Compostela, 90 anos despois”. Así definiu o reitor Antonio López o acto de apertura do curso 2023-2024 na USC que se desenvolveu este venres 15, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, e no que o estudante Emilio Vázquez Lage, presidente do Consello do Estudantado, interveu en nome deste colectivo case un século despois de que o fixera o intelectual galeguista Francisco Fernández del Riego, o último alumno en pronunciar un discurso neste acto institucional.

“O 1 de outubro de 1933 tivo lugar no Paraninfo da Universidade o acto protocolario de inauguración do curso académico 1933-1934. Unha inauguración de curso que resultou singular por diversas circunstancias, e particularmente porque foi a última inauguración de curso que contou coa voz da representación estudantil, nese acto protocolario”, explicou o reitor, quen reivindicou a necesidade deste tipo de intervencións xa que o alumnado conforma un “elemento esencial” da institución universitaria.

Pola súa parte, Vázquez Lage afirmou sentir “gratitude, moi especialmente, cara a todas aquelas persoas que deben ficar na nosa memoria colectiva, entre elas o propio Paco del Riego, persoas que ao longo destes 90 anos, en condicións as máis das veces adversas e deixando mesmo a vida no empeño, loitaron para que hoxe poidamos falar no noso idioma, nun acto solemne dunha universidade pública galega”. O presidente do Consello do Estudantado profundou nas mudanzas sociais, nos cambios no paradigma estudantil e na organización do alumnado. Vázquez Lage defendeu que se considere o estudantado como “as persoas multidimensionais, diversas en ideas, pensamento e circunstancia que realmente somos” e puxo en valor o traballo do órgano que preside, “unha ferramenta de interlocución e posta en común da realidade do estudantado da universidade, exercendo un rol complementario e auxiliar ao traballo do tecido asociativo universitario”.

Reitor

O reitor abordou no seu discurso o reto que supón para a USC a adaptación á Lei so Sistema Universitario Español (LOSUE), recentemente aprobada e que implica unha “necesaria reforma estatutaria”. “Imos ter que decidir sobre cuestións tan relevantes como a forma de organizarse a Universidade, en canto a Centros ou Departamentos, ao non regularse legalmente unha estrutura común”, subliñou. Unha aposta clara pola investigación, e moi especialmente pola transferencia do coñecemento; a reformulación das categorías de persoal docente e investigador coa vista posta na redución da precariedade e da temporalidade; ou atopar os mecanismos e os consensos necesarios entre os distintos niveis de goberno implicados para facer realidade o obxectivo de destinar o 1% do PIB para o ensino universitario son, a xuízo do reitor, os retos de futuro máis inmediatos para este novo panorama universitario.

Antonio López tamén puxo en valor a necesidade de “manter e ampliar as actuacións de carácter social destinadas a asegurar a efectiva igualdade de oportunidades no acceso á educación superior”. Neste senso, lembrou as axudas para o estudantado coa condición de refuxiado ou en situacións de especial necesidade, tanto a convocatoria xeral, como o fondo dotado para atender situacións excepcionais que se acaba de implantar; a oferta de máis de mil prazas en residencias propias; ou os bonos de comedor para atender as necesidades do alumando en circunstancias sociais ou económicas que sexan un obstáculo na súa formación. Para esta última acción, a USC destinará este curso medio millón de euros e a convocatoria abrirase a partir do vindeiro luns 18.

A concreción dos proxectos de infraestruturas como é o caso da Cidade da Saúde ou o traslado da Facultade de Formación do Profesorado foi outro dos puntos nos que se detivo o reitor. “Ese esforzo investidor só é posible se mantemos a contención do gasto corrente, unha empresa na que, con esforzo e certas incomodidades, todos estamos comprometidos e, ao mesmo tempo, se contamos coas achegas da Administración Autonómica, sexa a través do plan de infraestruturas acordado como complemento do plan de financiamento 2022-2026, ou ben como achegas específicas por tratarse de proxectos básicos para o SUG, e para o país  e que precisan dese compromiso decidido dos nosos gobernantes”, dixo Antonio López.

Memoria do curso

A secretaria xeral Dulce María García Mella deu conta das principais actuacións levadas a cabo na Universidade ao longo do curso 2022-2023 nos eidos de ensinanza e aprendizaxe, investigación e transferencia, internacionalización, extensión universitaria e compromiso social, organización e xestión, e comunidade universitaria. A USC acolleu o pasado curso a uns 20.000 estudantes de grao, 2.200 de mestrado e preto de 2.600 de doutoramento, un 62% mulleres, aos que cómpre engadir 870 estudantes de programas de mobilidade entrante e de convenios bilaterais. A memoria salienta que iniciaron os seus estudos de grao algo máis dun 3% de estudantes que no curso anterior e que un 32% do estudantado de doutoramento era estranxeiro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.09.2023.