Ir o contido principal

A Conferencia de Consellos Sociais reflexiona sobre o futuro das universidades españolas no marco europeo

De esquerda a dereita, Ernesto Pedrosa, Antonio López, Antonio Abril e Cecilia Sierra. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Ernesto Pedrosa, Antonio López, Antonio Abril e Cecilia Sierra. FOTO: Santi Alvite
O Colexio de Fonseca acolle parte destas sesións centradas en observar a evolución deste órgano colexiado e na análise dos novos escenarios para as comunidades universitarias
Lugo, Santiago de Compostela

As Xornadas da Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas reúnen en Galicia ata o venres 14, no marco do seu corenta aniversario, as e os representantes dos órganos de participación social das universidades da contorna estatal. As sesións están a servir para observar a evolución dos Consellos Sociais,  ofrecer unha ollada retrospectiva e analizar novos escenarios, ademais de trazar unha aproximación ao futuro das universidades españolas no marco europeo.

O Colexio de Fonseca acolle o acto de benvida que se desenvolve a partir das 16.00 horas deste xoves 13. Presidido polo reitor da USC, Antonio López, na sesión interveñen a presidenta do Consello Social da USC, Cecilia Sierra; o presidente da Conferencia de Consellos Sociais, Antonio Abril; e o presidente do Consello Social da UVigo, Ernesto Pedrosa.

O secretario xeral da Conferencia de Consellos Sociais, Miguel Ángel Acosta, ofrece a conferencia 'Novas normas: novos cometidos para Universidades e Consellos Sociais'. Pola súa parte, Alain Casanovas, membro do grupo de traballo internacional sobre Compliance KPMG Global Legal Services Network, intervén co relatorio 'Compliance no ámbito universitario: unha breve introdución ao reto'. Finalmente, Andrés Mazaira e Isabel Díeguez, profesores de Organización de empresas e Márketing da UVigo e directores do estudo sobre o impacto económico desta institución universitaria na súa contorna, pechan o programa de conferencias coa sesión 'E se comezamos a pór cifras ao valor das universidades?'.

Previamente, en quenda de mañá, a presidenta do Consello Social da USC, Cecilia Sierra, abordou as 'Ensinanzas do Camiño de Santiago: Europa e as Universidades'. A continuación, o historiador da arte e comunicador cultural Miguel Ángel Cajigal Vera ofreceu a conferencia 'O Camiño que conectou o saber e vertebrou Europa', dando paso á mesa  redonda 'A visión dende as universidades do Camiño' na que tomaron parte Javier García Turza, profesor de Historia medieval, da Universidade da Rioxa; Pilar Alonso Abad, profesora de Historia da Arte da Universidade de Burgos; e José Alberto Morais, profesor de Historia da Arte e Estudos Medievais, da Universidade de León. A sesión matinal concluíu cun acto oficial presidido polo Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, na Cidade da Cultura. As xornadas están organizadas pola UVigo e contan coa colaboración de USC e UDC.

Asistentes ao acto. FOTO: Santi Alvite
Asistentes ao acto. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.04.2023.