O Consello Social da USC visita o Rof Codina de Lugo
Os membros do Consello Social da USC, encabezados polo seu presidente Manuel Puga, achegáronse esta mañá ata o Hospital Clínico Veterinario Rof Codina de Lugo. Durante a visita, Puga manifestou que este era un momento propicio, “con novos conselleiros”, para que os órganos de goberno se reúnan en Lugo “xa que esta é unha Universidade bicampus” e, dentro do proceso de coñecemento, “familiarizarse" coas instalacións que hai neste Campus. “É unha estratexia importante para desempeñar a nosa función axeitadamente”, afirmou.
Puga sinalou ademais que é destacable o peso que teñen en Lugo os seus centros, “con detalles que evidencian os moitos avances da Universidade neste Campus”.
Reunión do PlenoOs membros do Consello Social celebran na tarde deste xoves unha xuntanza na mesma cidade para, entre outros asuntos, someter a aprobación a memoria correspondente a 2008 ou a proposta de asignación de Complementos Retributivos Autonómicos. O pleno comezará ás 17:00 horas no Salón de Reunións da Vicerreitoría de Lugo.
Outros puntos que forman parte da orde do día son os informes sobre a modificación da Relación de Postos de Traballo do Persoal Docente e Investigador e sobre a creación de novos títulos de doutoramento e máster adaptados ao EEES ou a convocatoria de bolsas de comedor para o curso 2009-2010.
Ademais o órgano colexiado someterá a aprobación as taxas de cursos de posgrao propios, os prezos de aloxamento no Servizo Universitario de Residencias (SUR) para o curso 2009-2010 así como para estudantes de mobilidade internacional e a actualización dos aplicables a visitantes e congresistas, os da Escola Infantil Breogán e a cesión de solicitude de patente.