Ir o contido principal

Darío Villanueva destaca o rol da USC como “produtora de cultura” ao recibir o recoñecemento do Consello Social

De  esquerda a dereita, José Alberto Díez, Antonio López, Cecilia Sierra e Darío Villanueva. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, José Alberto Díez, Antonio López, Cecilia Sierra e Darío Villanueva. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López salientou que distinguir a carreira do profesor Villanueva é recoñecer “a traxectoria de quen o deu todo dentro do eido universitario, tanto na investigación, como na docencia e na xestión”
Santiago de Compostela

“Son unha persoa que lle debe todo á USC”. Con estas verbas de gratitude o que fora reitor da institución compostelá entre os anos 1994 e 2002, Darío Villanueva, recollía este venres 9 o recoñecemento que o Consello Social outorga á traxectoria profesional. Villanueva dixo sentirse “honrado” por ser este un galardón que “nace da Universidade”. Nun acto presidido polo reitor Antonio López, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o profesor emérito da USC recibiu a placa conmemorativa do galardón, de mans da presidenta do Consello Social, Cecilia Sierra. Na sesión, tamén participou o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro. 

O profesor Villanueva realizou un repaso por toda a súa traxectoria na institución universitaria e lembrou como, dende o ano 1972, data na que comezou a impartir docencia na USC, tivo a oportunidade de desenvolver a súa actividade docente en tres facultades: Filoloxía, Xeografía e Historia e Ciencias da Comunicación. Villanueva quixo reflexionar sobre a función da Universidade e destacou como unha das súas funcións fundamentais é “a creación e a difusión da cultura”. “A USC sempre foi produtora de cultura”, quixo lembrar o homenaxeado. A transición universitaria, o quinto centenario da institución ou a negociación do Plan Bolonia foron algúns dos capítulos nos que se detivo o profesor Villanueva. 

Pola súa parte, o reitor Antonio López destacou que distinguir a carreira do profesor Villanueva é recoñecer “a traxectoria de quen o deu todo dentro do eido universitario, tanto na investigación, como na docencia e na xestión”. De feito, confesou o reitor, foi Darío Villanueva o que “me meteu, en parte, o verme da xestión”, para despois manifestarlle o seu “aprecio e cariño persoal”.  

Cecilia Sierra realizou un percorrido pola “frutífera carreira” do profesor Villanueva e lembrou como a distinción do Consello Social á traxectoria profesional constitúe “un recoñecemento a persoas que deixaron a súa pegada” tanto no contexto galego, como estatal e internacional. Nesta mesma liña o secretario xeral de Universidades salientou que este tipo de galardóns serven non só para distinguir traxectorias, senón tamén para “divulgar a Universidade entre a sociedade”.  

Ditame

O ditame do xurado polo que se outorga o recoñecemento a Darío Villanueva salienta “non só a súa importante traxectoria profesional no seo da nosa Universidade como profesor de recoñecido prestixio internacional e reitor entre os anos 1994 e 2002, senón tamén como director que foi e actual membro da Real Academia Española, doutor honoris causa por distintas Universidades de todo o mundo e pola súa contribución á lingua e literatura españolas”. A iniciativa de distinguir ao profesor Villanueva partiu da Asociación de antigos alumnos e alumnas, amigos e amigas da Universidade, Alumni USC. 

Traxectoria

Darío Villanueva Prieto (Vilalba, 1950) foi catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada na USC e, na actualidade, é profesor emérito da institución. Ocupa a cadeira coa letra “D” maiúscula da Real Academia Española (RAE), institución na que ingresou en 2008 co discurso titulado ‘El “Quijote” antes del cinema’, e foi membro nato do Consello de Estado entre 2015 e 2019 por ser o director da RAE nese período. Villanueva está a presentar na actualidade o seu último libro Poderes de la palabra, editado por Galaxia Gutenberg; o anterior, publicado en 2021, é Morderse la lengua. Corrección política y posverdad –Premio Francisco Umbral e que acaba de ser traducido ao italiano–; e de 2020 é De los trabajos y los días. Filologías, a súa autobiografía universitaria e académica. Entre as súas moitas publicacións, destacan igualmente Trayectoria de la novela hispanoamericana actual, escrito en colaboración con José María Viña Liste e traducido ao árabe polo Consello Superior de Cultura de Exipto (1998), e Teorías del realismo literario, obra finalista do Premio Nacional de Ensaio en 1993, cuxa tradución ao inglés data de 1997.

Villanueva foi Premio El Ojo Crítico Especial en 2015, concedido por RNE; Medalla de Ouro das Cortes de Castela e León e Galego do Ano polo Club de Xornalistas Galegos en Madrid, distincións tamén do ano 2015, entre outras. Medalla do Congreso dos Deputados en 2019, o profesor ostenta condecoracións relevantes que lle foron outorgadas en diversos países hispanoamericanos. Cunqueiriano emeritus polo Concello de Mondoñedo (2018) e Medalla Castelao da Xunta de Galicia en 2005 son outros dos galardóns recibidos. Ademais, ostenta numerosos doutoramentos honoris causa por diversas universidades. A súa extraordinaria actividade complétase con viaxes e visitas á vintena longa de academias do español, intervencións en simposios e congresos, clases e conferencias en universidades de todo o mundo e colaboracións habituais nos medios de comunicación e revistas especializadas.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.06.2023.