Ir o contido principal

Irene Montserrat Blanco Boullosa, alumna mellor valorada nas prácticas xestionadas polo Consello Social

De esquerda a dereita, Begoña Fernández Rodríguez, Irene Montserrat Blanco Boullosa e Cecilia Sierra. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Begoña Fernández Rodríguez, Irene Montserrat Blanco Boullosa e Cecilia Sierra. FOTO: Santi Alvite
Este premio está dotado con 1.500 euros e outórgase dúas veces ao ano, coincidindo cos períodos de prácticas das convocatorias de febreiro e setembro
Santiago de Compostela

O premio ao alumno/a mellor valorado/a nas prácticas externas extra curriculares que xestiona o Consello Social recaeu este ano na estudante do grao en Historia da Arte, Irene Montserrat Blanco Boullosa, quen realizou prácticas en Artgrafic (Galería Joan Prats) do 11 de novembro de 2021 ao 11 de febreiro de 2022. “Estou moi orgullosa. As prácticas extra curriculares foron para min unha experiencia moi importante porque puiden aplicar algunhas das cuestións que aprendín no grao e conformaron o meu primeiro contacto co mundo profesional”, explicou Blanco Boullosa ao recibir o galardón de mans da presidenta do Consello Social, Cecilia Sierra.

A alumna de Historia da Arte explicou como se desenvolveu a súa estadía na Galería Joan Prats en Barcelona, onde puido coñecer de primeira man o mundo expositivo. “Axudoume a entender un pouco máis como funciona o mundo da arte contemporánea”, dixo. “Recomendo moito estas prácticas porque che proporcionan moita flexibilidade ao deixarche elixir a empresa coa que che gustaría traballar. Ademais, podes acordar tanto o horario, como a duración. Adáptanse moito a ti”, sinalou.

“A flexibilidade das prácticas para nós é unha máxima porque adaptar o traballo á vida diaria é importantísimo”, destacou Cecilia Sierra para quen este acto  é “o máis bonito” dos impulsados dende o Consello Social porque “dá a posibilidade ao alumnado de que vexa o mundo real, que se vexan envoltos nunha cultura distinta á da súa estadía na USC”.

A profesora Begoña Fernández Rodríguez do departamento de Historia da Arte da Facultade de Xeografía e Historia da USC, tamén estivo presente no acto en calidade de titora académica da galardoada. Fernández Rodríguez subliñou que este tipo de iniciativas son algo “moi positivo” e destacou que Irene Montserrat Blanco Boullosa puido realizar, en virtude desta convocatoria, prácticas nunha das galerías máis antigas de Barcelona.

Este premio está dotado con 1.500 euros e outórgase dúas veces ao ano, coincidindo cos períodos de prácticas das convocatorias de febreiro e setembro. A través deste recoñecemento, este órgano da USC quere premiar a excelencia e o esforzo do alumnado no desempeño das súas prácticas.

O Consello Social, como órgano de participación da sociedade na Universidade, está comprometido coa mellora da empregabilidade, achegando a realidade laboral e complementando a formación teórica do alumnado mediante prácticas en empresas e institucións, ao mesmo tempo que fomenta a colaboración da USC co tecido económico e institucional.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.07.2022.