O pleno do Consello Social celebra este mércores a súa última xuntanza do ano
O Consello Social da USC reunirá este mércores 28 ao seu pleno, nunha xuntanza que se vai celebrar a partir das 16.30 horas na súa sede na Casa da Concha (r/ da Conga) e que será a última do ano. A orde do día da xuntanza arrancará coa presentación dos informes do presidente deste órgano e do reitor da USC, ao que seguirá a información e ratificación dos acordos adoptados na Comisión Mixta Económica e Executiva do pasado 21 de decembro. A prórroga dos orzamentos, así como as aprobacións da proposta de complementos retributivos autonómicos, da retirada de titulacións de grao e máster da oferta académica para o curso 2011-2012, das modificacións de titulacións de posgraos e de másteres universitarios, son outros temas incluídos na orde do día do Pleno. Completando o relatorio de temas a tratar, tratarase a aprobación de bolsas de comedor do SUR para este curso, o informe de memoria de posgraos propios, a aprobación das tarifas por servizos, a aprobación de doazón e cesión de uso de material, así como a información correspondente a convenios da USC.