Publicada a listaxe provisional de estudantado seleccionado para as prácticas externas extracurriculares do Consello Social
O Consello Social da USC acaba de facer pública a listaxe provisional de estudantes que foron seleccionados/as para a realización de prácticas externas extracurriculares. Agora, ábrese un prazo para a formalización de posibles reclamacións ou renuncias que se estenderá ata o vindeiro 5 de marzo a través do rexistro electrónico xeral da USC.
As titulacións de grao para as que se ofertan prazas son Administración e Dirección de Empresas, Dereito, Economía, Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, Enxeñaría de Procesos Químicos e Industriais, Enxeñaría Química, Historia, Historia da Arte, Óptica e Optometría, Pedagoxía, Relacións Laborais e Recursos Humanos, Robótica e Veterinaria. Ademais, tamén se ofertan prazas nos mestrados universitarios en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade, Xestión e Dirección Laboral e Intelixencia Artificial.
A efectos de participar no premio de 1.500 euros que outorga o Consello Social ao estudante mellor valorada/o en prácticas é moi importante que ao rematar a práctica o titor ou titora externo/a achegue o informe de finalización tanto ao titor ou titora académico/a como ao Consello Social, de acordo cos requirimentos establecidos na convocatoria.