A USC imponlle a súa Insignia de Ouro ao presidente do Consello Social
A Universidade de Santiago imporalle este martes, 15 de xuño, ao presidente do Consello Social da Institución, Manuel Puga, a súa Insignia de Ouro. O acto que presidirá o reitor en funcións, Senén Barro, terá lugar ás 14:00 no Salón de Graos do Colexio San Xerome. Xuntanza do Pleno Xa pola tarde, a partir das 17:00 horas na Casa da Concha (Rúa da Conga, 1), reunirase o Pleno do Consello Social para tratar numerosos asuntos. Entre eles, a ratificación de acordos como a venda da participación da USC na Sociedade Galeras Entrerríos SL; os informes sobre a modificación da RPT de PAS e de PDI, o económico da USC, da auditoría do exercicio económico 2009 e das sociedades mercantís Unixest, Unidíxital, Uninova, Unirisco e Cursos Internacionais; a aprobación da conta de liquidación do orzamento e da Memoria Económica de 2009 e o expediente de incorporación de remanentes; o informe anual sobre Control Interno; e a aprobación de modificacións de titulacións e da creación do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela. Ademais, na xuntanza tratarase a aprobación da proposta de asignación de complementos retributivos, a información de memorias de Cursos de Posgrao, os estatutos dos Centros de Investigación Biomédica en Rede (CIBER), o informe das propostas de creación e regulamento dos Centros Singulares, a aprobación da participación da USC na Fundación Gonzalo López Abrente e o informe sobre o Campus Lugo 2015, entre outras cuestións.