
Por unhas universidades visibles, vivas, valentes e comprometidas coa paz
A Universidade de Santiago de Compostela adhírese un ano máis ao manifesto da Rede de Universidades pola Diversidade (RUD) que reafirma o compromiso 'cunha universidade pública, crítica, segura e orgullosamente diversa. Unha universidade que non só tolera a diferenza, senón que a celebra, a protexe e a recoñece como motor de xustiza social, coñecemento transformador e paz entre os pobos'.
Tal e como recolle o manifesto, 'as universidades non son espazos neutros. Son actores sociais, políticos e éticos. E hoxe máis ca nunca, deben posicionarse'. Dese xeito e 'fieis ao noso compromiso coa paz, o entendemento entre os pobos, a defensa dos dereitos humanos e a resolución pacífica dos conflitos, desde a RUD reiteramos a necesidade urxente de alcanzar un alto ao fogo inmediato e duradeiro mundial, así como de manter abertas as canles de diálogo e mediación baseadas no respecto, a legalidade internacional e os principios do entendemento diplomático'.
Fronte ao odio, os retrocesos e a violencia, defendemos a diversidade, os dereitos humanos e a vida.
Ningún dereito está garantido se non o defendemos xuntas.
Non hai orgullo sen xustiza. Non hai dereitos sen paz.
Somos feministas, LGTBIQA+, transincluíntes, antirracistas, orgullosas.