Pasar al contenido principal

Novo fiadeiro de localización de software libre

Aberto o prazo de matrícula na actividade, que busca traducir ao galego pequenas aplicacións informáticas

A comunidade universitaria pode matricularse dende este luns e ata o día 22 no quinto Fiadeiro de localización de software libre no que alumnado, docentes e traballadores de administración e servizos traballarán de que xeito colaborativo a prol dun empeño común: galeguizar unha serie de aplicacións informáticas de software libre. A actividade desenvolverase en dúas xornadas a finais de abril na Escola Técnica Superior de Enxeñaría supervisados por Enrique Estévez Fernández, coordinador do equipo galego de localización dos produtos de Mozilla, e Antón Méixome, lingüista e coordinador do equipo galego de localización de OpenOffice e LibreOffice, ambos os dous do Proxecto Trasno. Na primeira sesión, o día 25, ensinaranse cuestións relacionadas coa lingüística, as ferramentas de tradución e metodoloxía para, o día 27, celebrar a propia xornada de tradución ao galego de aplicacións de software libre. O Fiadeiro está aberto a toda a comunidade universitaria, que recibirá un diploma de asistencia de 12 horas. Ten tamén recoñecido 1 crédito de libre configuración curricular para todas as titulacións de 1º e 2º ciclo e está solicitado o recoñecemento como competencia transversal para os graos. Por outra banda, concederase o premio ‘Máis e mellor’ para aquel equipo que traduza máis cadeas e con meirande calidade na sesión de localización, dotado en metálico con 0,10 euros por palabra única traducida correcta. O ‘V ETSE Open de SL / Fiadeiro de localización de software libre’ está organizado pola Comisión de Normalización Lingüística da Escola Superior de Enxeñaría co Servizo de Normalización Lingüística e o apoio de Trasno.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.04.2013.