Pasar al contenido principal

A USC oferta para o vindeiro curso 49 graos e 74 másteres universitarios

A USC oferta para o vindeiro curso 49 graos e 74 másteres universitarios
A USC oferta para o vindeiro curso 49 graos e 74 másteres universitarios
A matrícula comeza o 12 de xullo para títulos con límite

A USC impartirá o vindeiro curso 2011-2012 nos seus campus de Santiago e Lugo 49 graos, 45 con límite de prazas e outros 4 sen el, ademais de 74 másteres universitarios e tres títulos propios, estes últimos nos eidos da Criminoloxía e a Xestión Hostaleira. A oferta académica e as características do proceso de matrícula presentounas este martes 14 o reitor Juan Casares, ao que acompañaban a secretaria xeral da USC, Lourdes Noya, e a vicerreitora de Estudos de Grao e Posgrao, Eva Castro. Este ano os responsables universitarios agardan se manteñan a tendencia constante de crecemento no número de alumnos rexistrada ao longo dos últimos tres cursos Concretamente a oferta de títulos para o Campus de Santiago ascende a 31 graos con límite e outros dous sen límite. Trátase de Administración e Dirección de Empresas (200 prazas), Bioloxía (150), Ciencia Política e da Administración (125), Comunicación Audiovisual (40), Dereito (180), Economía (150), Educación Social (75), Enfermaría (150), Enxeñaría Informática (60), Enxeñaría Química (60), Farmacia (200), Filoloxía Clásica (25), Filosofía (65), Física (100), Historia (100), Historia da Arte (80), Lingua e Literatura Españolas (50), Lingua e Literatura Galegas (50), Lingua e Literatura Inglesas (100), Linguas e Literaturas Modernas (75), Medicina (400), Mestre en Educación Infantil (80), Mestre en Educación Primaria (140), Odontoloxía (40), Óptica e Optometría (60), Pedagoxía (75), Psicoloxía (150), Química (125), Relacións Laborais e Recursos Humanos (100), Traballo Social (90) e Xornalismo (80). Ademais, en Compostela tamén se pode cursar Matemáticas e Xeografía e Ordenación do Territorio, ambas as dúas sen límite. En Lugo, o futuro alumnado poderá elixir entre Administración e Dirección de Empresas (125), Ciencias da Cultura e Difusión Cultural (30), Enfermaría (68), Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural (80), Enxeñaría Civil (50), Enxeñaría das Industrias Agroalimentarias (80), Enxeñaría en Xeomática e Topografía (50), Enxeñaría Forestal e do Medio Natural (80), Lingua e Literatura Españolas (25), Mestre en Educación Infantil (90) e en Educación Primaria (90), Nutrición Humana e Dietética (40), Veterinaria (110) e o grao de nova implantación Xestión de Pequenas e Medianas Empresas (40). Sen límite no campus lugués tamén se oferta Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais e Relacións Laborais e Recursos Humanos. Másteres Universitarios A oferta de posgrao deste ano inclúe 6 novos títulos: Tecnoloxías da Información; Turismo urbano e xestión de empresas turísticas; Bioloxía Mariña; Xuventude e sociedade; Dirección de actividades educativas na natureza; e Agricultura, gandería e silvicultura ecolóxicas. O total de másteres universitarios da USC engloba de maneira equilibrada as grandes ramas de coñecemento. Así, o catálogo contempla 16 posgraos de Ciencias, 14 (11 en Santiago, 4 en Lugo) de Ciencias da Saúde, 21 (18 en Santiago e 3 en Lugo) de Ciencias Xurídico-Sociais, 10 (5 en Santiago, 5 en Lugo) en Enxeñarías e Arquitectura e 13 (12 en Santiago e 1 en Lugo) de Artes e Humanidades. De todos eles -61 en Santiago e 13 en Lugo-, 19 son de carácter interuniversitario. Matrícula A matrícula, que deberá realizarse por internet (www.usc.es/matricula), arrancará para os graos con límite de prazas cun primeiro período do 12 ao 14 de xullo, establecéndose outros dous prazos nese mes e tres máis en setembro. Xa en outubro os alumnos disporán de dúas últimas quendas. Para as titulacións sen límite o período de matrícula estenderase do 7 de xullo ao 9 de setembro. O proceso de matrícula contempla outro prazo no segundo cuadrimestre, do 13 ao 17 de febreiro de 2012. Nos másteres sen límite a matrícula abarcará do 15 de xullo ao 9 de setembro, sendo ese prazo o mesmo para realizar a matrícula provisoria ou solicitude nos posgraos con límite. Os alumnos con estudos estranxeiros deberán solicitar a súa admisión do 15 ao 31 de xullo. Na actualidade estanse a desenvolver ademais as probas da segunda fase de acceso para aspirantes maiores de corenta anos que acrediten experiencia ou laboral e desexar cursar unha ensinanza oficial de grao na USC Calendario As clase do primeiro cuadrimestre comezarán o 12 de setembro e rematarán o 26 de xaneiro de 2012; mentres que o segundo cuadrimestre irá do 30 de xaneiro ao 8 de xuño. Os exames celebraranse do 16 ao 28 de xaneiro e do 28 de maio ao 9 de xuño. Haberá unha última convocatoria de avaliación do 2 ao 14 de xullo. Matriculados en 2010-2011 No presente curso mantívose a tendencia crecente do número de matriculados experimentada ao longo dos últimos tres cursos, tanto no número total como no de estudantes que accedían por vez primeira á USC. Así dende os 28.886 alumnos rexistrados no curso 2008-2009, pasouse aos 29.533 actuais. A tendencia increméntase nos alumnos de primeira matrícula xa que no mesmo período medrouse dende os 4.608 ata os 5.961. A maior parte do alumnado é de procedencia galega, sendo A Coruña a provincia que máis estudantado achega, 12.119 persoas (1.091 no Campus de Lugo e 11.128 no de Compostela); seguíndolle a de Pontevedra con 425 estudantes nos centros de Lugo e 6.273 nos de Santiago; Lugo, con 5.204 universitarios, dos que 2.995 estudan no Campus lugués e 2.209 no compostelá; e Ourense, de onde proceden outros 1.821 matriculados, 181 estudando en Lugo e 1.740 en Santiago. Do resto de España, matriculáronse este curso na USC aproximadamente 3.500 alumnos de practicamente todas as provincias españolas, dos que 300 comezaban a súa etapa universitaria. Procedentes de Asturias e León, respectivamente se matricularon 350 e 200 persoas, de Barcelona, Biscaia e Santa Cruz de Tenerife máis de trinta por provincia, así como preto dun centenar orixinarios de Madrid. Polo que respecta ao alumnado estranxeiro, este procede de máis de oitenta países, maioritariamente de Europa pero con presenza de estudantado dos cinco continentes e máis concretamente de países como Afganistán, Australia, Filipinas, Kirguizistán, Gaza, República de Corea, Bosnia, Bangladesh, Paquistán, Xapón, Camboia ou Camerún. No seu conxunto representan un grupo de máis de 2.200 matriculados.

Italia, Francia, Portugal, Brasil, México e Alemaña son os países con maior número de estudantes na USC, con máis dun centenar de matriculados por país de procedencia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.06.2011.